O sector das ambulancias convoca 5 días de folga en xullo ante a "sobrecarga" de traballo

Representantes sindicais denuncian que a única proposta de Sanidade é implantar “ambulancias baixo custo”.

Unha ambulancia xunto a un centro residencial. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Unha ambulancia xunto a un centro residencial. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Os sindicatos CIG, CCOO, USO e UXT convocaron cinco xornadas de folga no sector das ambulancias da Galiza, así como unha mobilización o próximo 12 de xullo, para reclamar melloras nas súas condicións laborais que eviten a "intensa presión" que sofren os traballadores e as traballadoras deste servizo.

Así o confirmaron esta segunda feira nunha rolda de prensa na que participou o responsábel do sector do Transporte da CIG, Xesús Pastoriza, así como os representantes de CCOO, Roberto Rodríguez, UXT, Marcial Rodríguez, e USO, José Santalla.

En concreto, o sector irá á folga en todo o país os días 6, 7, 19, 20 e 21 de xullo, con mobilizacións nos centros sanitarios, e convoca unha manifestación para o próximo 12 de xullo se antes non se alcanza un acordo coa patronal.

Os representantes constataron o amplo respaldo alcanzado por traballadores e traballadoras nas asembleas e atribuíron esta decisión á "negativa" da patronal para ter en conta a súa proposta e a "falta de avances" nas reunións de negociación.

Subidas salariais e redución de xornada

Na rolda de prensa, Xesús Pastoriza, da CIG, apuntou que as súas reivindicacións pasan por subidas salariais, tendo en conta a perda de poder adquisitivo derivada do incremento do IPC nos últimos anos.

Máis aló, reclaman melloras laborais, con redución de xornada, incremento de efectivos e de vehículos e melloras en baixas e en permisos retribuídos. En canto ao persoal, que os sindicatos cifran entre 1.800 e 2.000 traballadores e traballadoras, estiman que sería necesario entre 30 e 40% máis para paliar esta situación.

Da mesma maneira, en relación ás baixas por incapacidade temporal, Pastoriza apuntou que se duplicaron, a práctica totalidade delas por lesións músculo esqueléticas derivadas da "sobrecarga" de traballo que sofren.

Os representantes sindicais explicaron esta segunda feira que este servizo, especialmente nalgunhas áreas sanitarias, "tensionouse nos últimos anos", especialmente no último, con ambulancias que deben atender "máis de 20 servizos diarios", algo "moi por riba do razoábel".

Fronte a iso, critican a "falta de preocupación" da Consellaría de Sanidade, cuxa "única proposta" pasa por implantar "máis ambulancias baixo custo", é dicir, "que só levan condutor", o que motiva que, "en moitas ocasións", sexa necesario mandar outra de apoio aos servizos. En canto á patronal, cualificárona de "irresponsábel", xa que, denuncian, nas súas propostas de negociación "non incluíu" ningunha das reclamacións dos sindicatos.

Pastoriza explicou que, inicialmente, o sector está convocado a estas cinco xornadas de folga, pero non descarta ampliar as medidas de presión se "non se dá unha solución como se merece".

Comentarios