Xuízo do Alvia

Un perito xudicial, en contra do argumentario de Adif, apunta que a chamada ao maquinista formulaba "un problema de seguridade"

O perito Juan Carlos Carballeira, declarando esta quinta feira no xuízo do Alvia. (Foto: Europa Press)
A chamada do interventor que desconcentrou o maquinista do tren e cuxo contido se consideraba intranscendente puido xerarlle unha "preocupación" en relación a un "problema de seguridade" na estación de Pontedeume, segundo un perito xudicial, que xustifica a duración desa conversa telefónica.

O perito xudicial escollido pola Xunta, Juan Carlos Carballeira, enxeñeiro de camiños que declara no xuízo polo accidente do tren Alvia, explica "a lonxitude" da conversación do maquinista, que o "desubicou" e pola cal empezou a frear tarde, debido á pregunta "incorrecta" e "absurda" que lle expuña o interventor.

En concreto, advirte de que lle preguntaba se o tren cabía nas vías e non na plataforma, o cal provocaba tamén un "problema de seguridade", posto que, segundo a reflexión e a observación deste perito, o maquinista puido pensar entón en que, "se non cabe, ten que pasar en vermello o sinal".

Todo isto referíase á estación de Pontedeume, situada a case hora e media de onde se produciu o sinistro, na curva da Grandeira, en Angrois (Santiago), tal e como lle lembrou o fiscal durante o seu interrogatorio. En todo caso, Carballeira precisou que esta é unha reflexión súa, xa que considera que isto puido "influír na preocupación" do condutor.

Xunto ao maquinista, está procesado o ex director de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, cuxa representación no xuízo, que exerce a avogacía do Estado, sostén que a duración desa chamada, de algo menos de dous minutos —uns 100 segundos—, era impensábel.

Conversa "a tres"

A xuízo deste perito, "todo funcionou ben" aquel día, pero explica a duración da chamada entre condutor e interventor a través do teléfono corporativo porque, ademais, é "unha conversa a tres". "Se hai unha palabra que o define [este sinistro] é difícil de entender: ninguén entende este accidente", afirmou, para a continuación referirse a que estudou a conversación que, segundo alega o propio maquinista, provocou a perda de conciencia situacional.

O gravado é só o son de cabina, e non se escoita o que ocorre nos vagóns. A súa teoría é que "unha pregunta absurda conduciu a un problema de seguridade", ao interrogalo o interventor sobre se o tren "cabía nas vías". O terceiro na charla, segundo Carballeira, era o viaxeiro que se interesou pola chegada a Pontedeume, porque "sabe que moitas veces non cabe na plataforma da desviada". "Que relación ten isto con...?", interrompeulle a xuíza. "Pode influír na preocupación que pode ter", respondeu este experto. "Tento explicar a lonxitude da conversación", engadiu.

Neste senso, máis adiante remarcou que "a chamada ten unha complexidade", aínda que recoñeceu que o maquinista non é o que "decide", senón que o fai o centro de control. O que ocorreu foi que o condutor "non lle colgou o teléfono" ao interventor, constatou. "Un pensa as cousas no momento. Visto en frío, é unha bobada", engadiu. Con todo, incidiu en que "unha conversa que tiña a ver coa seguridade", segundo a súa hipótese, "distraeuno totalmente".

"Porque el estaba preocupado, penso eu, a miña interpretación, sobre se ten que pasar o sinal en vermello se non cabe na estación... ten que pasar a estación en vermello o semáforo", abundou. Esta é, subliñou, "unha hipótese moi verosímil". Neste punto, a xuíza volveu intervir para aclarar ao fiscal, sorprendido por estas explicacións, que a teoría do perito é que por este motivo o maquinista "tivo que consultar papeis". "Dubidaba moitísimo", agregou o perito.

"Cisne negro"

No interrogatorio do representante do Ministerio Público, que durou algo máis dunha hora, Carballeira argumentou que os expertos "pensaban que o estaban a facer estupendamente" e que tiñan "todo controlado con tecnoloxía e normativa", xunto á formación dos maquinistas. Con todo, "tiñan un oco de seguridade que non se podía cubrir", segundo evidenciou. Este caso, indicou, "chámase un cisne negro en catástrofes: os expertos non o detectan, porque nunca antes pasara; non sucedera antes e non hai estatística de algo que non sucedeu. Podías intuílo pero non sabelo".

Nesta liña, sostivo que "a normativa cando falla é cando a criticas". En canto ao sistema de control 'Asfa', o único operativo unha vez retirado o 'ERTMS' do treito da curva cunha modificación do proxecto, considerou que "é bastante interior, pero non tanto", unhas "73 veces inferior, segundo expertos". Cuestionado sobre se cre que era precisa unha segunda barreira de seguridade para cubrir o risco de que a curva se tomase cun exceso de velocidade, dixo que o maquinista "ten protección", polo libro horario, "os útiles, coñece toda a vía... está avisado; sabe todo".

Así, valorou que "parece inverosímil" o que sucedeu e criticou que foron "moitos erros" os que tivo. "Se fose un, entenderíao", apostilou. A desconexión do sistema 'ERTMS' embarcado no tren asegura que foi "motivada".

Erro na peritaxe

No relativo a cuestións normativas, recoñeceu un erro na súa peritaxe. "Se se equivocan os expertos de Adif, por canto máis un perito como eu", chegou a destacar. A respecto diso, mantivo que non era aplicábel o regulamento 352 de 2009. Así, entende que non era preciso un informe de avaliación do risco da liña dun ente independente, senón "só o decálogo".

Por iso, cre que "non ten moito sentido o que fixeron alí [Adif]", debido a que "ou falta o ISA —o informe independente— ou sobra o hazard log". Isto contrasta coa teoría do ex xefe de seguridade da Axencia Ferroviaria Europea, Christopher Carr, quen advertiu no xuízo que a análise de riscos tiña que facerse xa desde a directiva de seguridade de 2004, e que o regulamento de 2009 unicamente buscou harmonizar procedementos.

"Non é un perigo"

Noutro punto, Carballeira reflexionou sobre que "nese momento considerábase que era máis seguro iso que sinalizar", polas indicacións de libro horario e cadro de velocidades máximas e en relación coas balizas que se puxeron despois da traxedia. "A curva non é un perigo", afirmou entón. "Non hai accidentes en curva. Só coñezo tres, un na rede xeral. O resto son por velocidade", dixo.

Neste extremo, o fiscal interveu para recalcar unha idea: "Que o maquinista exceda a velocidade non pode ser considerado algo incríbel", posto que "ese risco está no dossier de seguridade", incidiu. Ante isto, o perito respondeu que "tres fallos non se poden ter" e que ve iso "incríbel". Outra cuestión controvertida apuntada por este perito ás preguntas do fiscal é que esa liña "ese día era convencional, non era alta velocidade" xa que "é un tren de longa distancia" e "leva Asfa dixital, que é moi bo pero é control descontinuo".

A comparecencia, a diferenza da do primeiro perito xudicial, prolongouse durante varias horas, o que implicou que a xuíza chamase a atención tanto aos avogados das distintas partes como ao propio perito. "Non faga divagacións nin debates científicos. A súa función é asesorarme a min para ver quen é o responsábel deste accidente", espetoulle.

O enxeñeiro industrial sostivo esta terza feira que sería "axeitado" que houbese un segundo nivel de protección. Para a vindeira terza está prevista a declaración do enxeñeiro de telecomunicacións que asevera no seu informe que con 'ERTMS' o descarrilamento non se produciría.