Un pai de Muxía inicia unha peregrinación para protestar polo recorte de matronas e pediatras

Pediatras e Matronas Xa participou en novembro de 2021 na marcha de SOS Sanidade Pública en Santiago. (Foto: Nós Diario)
Pediatras e Matronas Xa denuncia que a carencia de pediatras na Atención Primaria pode chegar a converterse nun problema estrutural, e piden actuar para revertela canto antes.

Un pai residente no Muxía vén de iniciar na sexta feira unha peregrinación desde Sarria até Santiago de Compostela para protestar contra a falta de persoal no servizo de pediatría e de matronas que sofren moitos concellos do país, debido aos recortes do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Realizará os 114 quilómetros que separan ambos puntos acompañado dunha bandeira da asociación Pediatras e Matronas Xa, que denuncia que a situación "estase a converter nun mal crónico".

O proxenitor lamenta que "en case nigún concello están cubertas as baixas". En Muxía levan "levan máis de tres meses sen pediatra", recoñece o propio peregrino, que asegura coñecer "de primeira man" como afectan os recortes da Xunta na sanidade pública galega.

Insiste en que "non se fan os seguimentos necesarios, e, no caso de enfermidade, ir a urxencias non é unha solución, aínda menos coa situación actual".

Peregrinación desde a Costa da Morte

Non é a primeira iniciativa deste estilo que leva a cabo Pediatras e Matronas Xa. En novembro de 2021, integrantes da asociación levaron a cabo outra peregrinación desde a Costa da Morte.

"Precisamos darnos conta de que non é un problema illado, senón transversal a centos de municipios galegos. Debemos unir forzas para evitar que a situación continúe deteriorándose".

Naquel caso, o obxectivo da marcha era unirse en Santiago de Compostela á multitudinaria manifestación convocada pola coordinadora SOS Sanidade Pública.

A presidenta de Pediatras e Matronas Xa, Vanessa Vivendi insistiu en que "precisamos darnos conta de que non é un problema illado, senón transversal a centos de municipios galegos. Debemos unir forzas para evitar que a situación continúe deteriorándose".

Con esta nova iniciativa, a asociación espera dar maior visibilidade ás carencias do Sergas en canto a número de pediatras e matronas activas. O progreso da peregrinación poderase seguir a través das súas redes sociais.