Sanidade pública

A perda de persoal e servizos sitúa ao bordo do colapso os hospitais comarcais: até dous anos agardando por unha consulta

Na concentración convocada pola Xunta de Persoal do hospital comarcal de Valdeorras participaron numerosas veciñas e veciños. (Nós Diario).

A reforma da Lei de Saúde da Galiza aprobada en 2018 polo PP déixase notar nos hospitais comarcais. A redución dos servizos sanitarios e do número de profesionais está a provocar unha caída da calidade asistencial, con tempos de agarda de máis de catro anos e listas de espera en máximos.

O persoal do hospital comarcal do Barco de Valdeorras saíu esta cuarta feira á rúa para denunciar a continúa perda de servizos neste centro de área sanitaria de Ourense. Neste sentido, a protesta, convocada pola totalidade das organizacións sindicais con presenza na Xunta de Persoal do único hospital do distrito de Valdeorras, critica a redución das prestacións médicas, a caída permanente de persoal e o traslado de servizos ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), situado a perto de dúas horas por estrada para boa parte da poboación de Valdeorras.

O membro da Xunta de Persoal do Hospital de Valdeorras Alberto Castro sinala a Nós Diario que “este hospital é probabelmente o máis illado de toda a Galiza e levamos desde a súa integración na área sanitaria de Ourense, en 2018, cunha hemorraxia de profesionais constante”. Neste sentido, desvela que “pasamos de contar cun quirófano potente e profesionais que realizaban moitas cirurxías a ter un persoal que foxe e cuxas baixas e xubilacións non se cobren”.

O centro hospitalario do Barco presta asistencia a unha poboación de máis de 30.000 persoas de nove concellos da comarca de Valdeorras. Nos últimos tempos, a Consellaría de Sanidade suprimiu a atención en especialidades como Otorrinolaringoloxía, Reumatoloxía ou Dermatoloxía. Ao tempo, só conta cunha oftalmóloga para atender a totalidade das persoas usuarias, dándose unha situación semellante en Hematoloxía, onde un só profesional que acode desde Ourense ao hospital unha vez á semana carga con toda a demanda.

Castro denuncia que “cada día a dependencia cara ao CHUO é maior". É desde a cidade de Ourense "onde se organiza o funcionamento do hospital do Barco e a onde se ve obrigada a desprazarse a xente da comarca para calquera cuestión de certa complexidade, que até non hai tantos anos era atendida aquí”. Na mesma dirección, alerta de que só dispoñen de "cinco profesionais de Medicina Interna, malia que nos orzamentos da Xunta da Galiza hai presuposto para nove”.

A situación do centro do Barco garda similitudes co Hospital do Barbanza, en Ribeira. A delegada da CIG na comisión de centro deste hospital integrado na área sanitaria de Compostela, a pediatra Marián Rodríguez, denuncia, en declaracións a Nós Diario, que “diminuíron por completo as intervencións en Cirurxía e Uroloxía, até o punto de que nesta especialidade só realizan neste hospital operacións que non precisan de ingreso ou consultas”.

Esperas de dous anos

Rodríguez advirte dunha "redución constante de profesionais, desenvolvendo algúns dos adscritos a este centro o seu labor desde o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS)". Nesta liña, apunta que “só están cubertas seis de 10 prazas de Medina Interna, cando o 99% dos ingresos proceden das Urxencias e é precisamente o período de outubro a marzo o que presenta máis ocupación”.

“Hai pacientes que levan máis de dous anos agardando por unha consulta para unha revisión”, di Rodríguez, quen destaca que “hai xente que espera desde hai máis de dous anos para coñecer os resultados dunha proba e aínda non ten data para saber cando vai poder velos”.  Conclúe lamentando que “moitos dos servizos que antes se prestaban aquí agora xa non se dan”.

O Hospital da Mariña, en Burela, vive unha problemática análoga. Este centro sanitario de Atención Especializada, como os do Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos e Vilagarcía de Arousa (O Salnés), perdeu a súa autonomía en 2018, comezando desde aquela unha constante perda de servizos.

O hospital de Burela, dependente da área sanitaria de Lugo, atende unha poboación de pouco máis de 72.000 persoas. O presidente da súa Xunta de Persoal, Adolfo Corral, apunta a Nós Diario que “contamos son con dúas prazas de médicos dixestólogos para atender 72.000 persoas e cun cardiólogo e un reumatólogo para a mesma poboación”.

Sen profesionais

Corral denuncia “a fuxida de profesionais facultativos e de persoal de Enfermaría, até o punto de que non contamos con enfermeiros e enfermeiras nas listas de contratación”. Tamén alerta que “desde a integración na área sanitaria de Lugo, fomos perdendo servizos como a implantación de marcapasos ou a realización de fimoses pediátricas” e critica que “no hospital non dispomos do servizo de Logopedia nin de Terapia Ocupacional”, entre outras.

“Temos as listas de agarda disparadas”, continúa Corral, “con persoas en espera en Neuroloxía desde 2019 ou persoas con doenzas crónicas que esperan ano e medio para unha rehabilitación”. Incide en que “o hospital non dá resposta ás necesidades da poboación, con xente que entra en Urxencias ás 22 horas e ás 4 mandan a Lugo, a máis de unha hora de distancia por estrada, por falta de camas”.


Os efectos da centralización da asistencia sanitaria

O proceso de desmantelamento dos hospitais comarcais na Galiza vense agudizando desde 2018. Á volta do mes de abril dese ano, a Cámara galega aprobaba unha reforma da Lei da Saúde da Galiza de 2008 que apostaba pola centralización da asistencia sanitaria e suprimía as áreas do Barco, A Mariña, Monforte e O Salnés. Así, o hospital do Barco pasaba a depender do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO); os hospitais de Burela (A Mariña) e Monforte (Terra de Lemos), do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo e o hospital de Vilagarcía, no Salnés, do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP).

As consecuencias desta decisión, que foi contestada con masivas mobilizacións na Galiza durante 2017, están á vista. A desaparición das áreas sanitarias do Barco, A Mariña, Monforte e O Salnés abriu a porta á perda constante de servizos e especialidades nos hospitais destas comarcas e a unha masificación dos hospitais de referencia das grandes cidades, que acabou favorecendo a sanidade privada pola vía da derivación de pacientes. Precisamente, unha das demandas dos sanitarios e da veciñanza do Barco de Valdeorras que se mobilizaron esta cuarta feira é a recuperación dunha área sanitaria propia.