Un "pequeno xesto" que levou Netanyahu a ser persoa non grata: a retirada dunha bandeira leva A Guarda "ao lado correcto da historia"
A decisión do Concello da Guarda de retirar unha bandeira palestina do monte Trega xerou indignación veciñal e precedeu unha contundente resposta institucional: o pleno municipal aprobou catro días despois unha moción para condenar o xenocidio do pobo palestino, declarar persoa non grata Benjamin Netanyahu e demandar aos gobernos galego e español a ruptura das relacións con Israel e as súas empresas.
A Guarda (O Baixo Miño) vive estes días unha controversia arredor da bandeira de Palestina que ondeaba no monte Trega para denunciar "o xenocidio que está a vivir o pobo palestino, coa complicidade necesaria da Unión Europea e dos EUA".
A polémica estalou o 24 de maio, poucas horas despois da colocación da bandeira, cando o Goberno local decidiu retirar o símbolo instalado no Facho do monte Trega polo Comité de Solidariedade co Pobo Palestino do Baixo Miño, que contaba con autorización da Comunidade de Montes da Guarda, propietaria dos terreos onde se sitúa o mastro. O Concello retirou a bandeira alegando que se trataba dunha acción “non autorizada” e que respondía a unha “decisión técnica”.
Nun comunicado, o Concello insiste en que o mastro da bandeira é de titularidade municipal —a pesar de estar en terreos comunais— e que só se pode usar "baixo autorización" e para "símbolos e accións relevantes relacionadas coa vida propia e exclusiva" da localidade.
Con todo, a medida xerou críticas por parte de colectivos sociais e veciñanza solidaria con Palestina, que reclamaban a súa restitución como xesto simbólico fronte ao xenocidio que sofre este pobo.
Desde o BNG cualificaron a retirada como "un acto inxustíficabel e un abuso de poder por parte do alcalde", o popular Roberto Carrero, e exixiron ao Concello unha rectificación pública. Ante o que está a acontecer en Palestina, o portavoz nacionalista, Anxo Baz, teno claro: "Non caben as medias tintas, ou se está contra o xenocidio do pobo palestino ou se é cómplice del".
Un "pequeno xesto" con influencia "significativa"
O feito adquiriu máis relevancia catro días despois, cando o Pleno municipal aprobou unha moción de urxencia defendida precisamente polo BNG e coa que o Concello da Guarda condena explicitamente o xenocidio do pobo palestino e declara persoa non grata o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu.
A moción insta tamén o Goberno español a romper relacións diplomáticas e comerciais con Israel e demanda ao Goberno galego que suspenda toda cooperación con Israel, directa ou indirecta, así como calquera contrato público con empresas ligadas á industria militar israelí. Ademais, compromete ambas as administracións ao envío de axuda humanitaria.
En palabras do portavoz nacionalista, "diante do despropósito que supuxo a retirada da bandeira Palestina do monte Trega por parte do Goberno municipal, este pronunciamento do pleno do Concello sitúa A Guarda no lado correcto da historia"
Vía Comité de Solidariedade co Pobo Palestino do Baixo Miño:
— Álvaro `★ˎ 🚩 (@desdeoturonio) May 30, 2025
O pasado 24 de maio levamos a cabo un acto de repulsa ao xenocidio en curso do Estado de Israel contra a Palestina. pic.twitter.com/6B7fqKbaYL
Para o Comité de solidariedade co pobo palestino do Baixo Miño, este "é un pequeno exemplo, de como até o máis pequeno xesto, acción ou discurso, pode influír de maneira significativa na realidade que nos rodea". "É a luita, a organización, o debate e a mobilización constante o único motor de cambio contra calquera situación de inxustiza, incluso nesta masacre de escala internacional, onde millóns de persoas de todo o planeta se están a mobilizar por unha soa razón: a causa palestina".
A secuencia dos feitos, coa retirada da bandeira precedendo a condena institucional do xenocidio, xera un contraste que segue a provocar debate político e social. A polémica na Guarda é unha mostra máis da crecente mobilización cidadá en defensa do pobo palestino en diferentes concellos do país, cunha clara vontade de facer visíbel o compromiso desde o local coas causas globais.
Benjamin Netanyahu, persoa non grata
Esta mesma semana, o Pleno de Vigo aprobaba unha moción presentada polo BNG na que solicitaba condenar as "accións xenocidas" do Estado de Israel na Faixa de Gaza e exixía medidas concretas ante o masacre e a catástrofe humanitaria que padece o pobo palestino. Coa aprobación desta iniciativa, que contou cos votos a favor do PSdeG e en contra do PP, Benjamin Netanyahu pasa a ser persoa non grata tamén en Vigo.
Unha cualificación que tamén ten desde esta mesma quinta feira en Rianxo (O Barbanza). O pleno aprobou por unanimidade, neste caso cos votos a favor do PP, e tamén a iniciativa do BNG, declarar o primeiro ministro de Israel persoa non grata.
Vigo, A Guarda e Rianxo súmanse así ao crecente número de institucións que exixen o fin da violencia e reclaman unha acción internacional contundente para deter o sufrimento da poboación palestina. Estas son tan só tres demostracións da solidariedade que o pobo galego mostra coa causa palestina, con centos de mobilizacións de condena do xenocidio do pobo palestino a mans de Israel e ducias de accións de apoio.