Lugo e Ourense, únicos territorios do Estado cuxas pensións de xubilación non chegan aos 1.000 euros

A pensión media por xubilación na Galiza é de 1.057 euros mensuais. (Foto: Arxina)
Na Galiza a media é de 1.057 euros, unha contía só superior á de Estremadura (1.040) e moi afastada da de Euskadi (1.532).

Segundo os últimos datos publicados polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), correspondentes ao pasado mes de marzo, a Galiza ten as pensións —agrupando as diferentes prestacións por incapacidade, xubilación, etc.— máis baixas de todo o Estado español, cunha contía media de 926,44 euros mensuais, moi lonxe de Euskadi, que lidera a táboa con 1.347,16 euros.

Mais a situación agrávase cando falamos da pensión media por xubilación, que na Galiza é de 1.057,67 euros por mes, unha cifra só superior á de Estremadura (1.040,2) e afastada, novamente, de Euskadi (1.532,65).

Porén, na Galiza obsérvase unha importante fenda entre os territorios atlánticos da Coruña (1.116,41 euros/mes) e Pontevedra (1.114,75) e Lugo e Ourense, que son os únicos de todo o Estado que non alcanzan os 1.000 euros mensuais de prestación por xubilación.

Deste modo, en Lugo a pensión media para as persoas xubiladas é de 941,39 euros, mentres en Ourense é aínda inferior: 885,18. No extremo oposto está Bizkaia (1.563,45 euros/mes).

No conxunto do Estado español, segundo os datos da Seguridade Social, a prestación media por xubilación é de 1.250,37 euros por mes.

Segundo as mesmas estatísticas de marzo de 2022, na Galiza hai un total de 768.704 persoas pensionistas, das que 70.902 reciben a prestación por incapacidade permanente; 482.602, por xubilación; 185.058, por viuvidade; 23.373, por orfandade, e 6.679 en favor de familiares.

No que atinxe ás persoas autónomas do país, cómpre lembrar que reciben a prestación por xubilación máis baixa do Estado: 651,87 euros mensuais, case 200 euros menos que a media estatal.