Pensións e dependencia: a poboación maior de 65 anos, cada vez "máis necesitada de atención"

Maica Bouza (no centro), na presentación das conclusións do estudo sobre a calidade de vida das persoas maiores. (Foto: Europa Press)
A Galiza conta con 772.975 persoas pensionistas e a segunda pensión media máis baixa de todo o Estado, unha posición que castiga fundamentalmente as mulleres con peores condicións de acceso ao mercado laboral, circunstancias de traballo máis precarias e salarios máis baixos. Son, ademais, quen soportan as cargas máis pesadas derivadas da atención á dependencia.

CCOO deu a coñecer esta segunda feira o informe anual que a Federación de Pensionistas do sindicato elabora co fin de resaltar as condicións de vida das persoas maiores e sinalar os axustes necesarios tanto nas políticas públicas como nos servizos sociais que buscan garantir unha vellez digna.

O Observatorio Social das Persoas Maiores 2023 repara e revisa o estado das principais políticas públicas, "imprescindíbeis" para asegurar a calidade de vida en tres grandes eixos da senectude: o sistema de pensións, o sistema de atención á dependencia e o sistema sanitario, "cun gasto aínda inferior a 7% do PIB" e cada vez máis difícil de desligar doutros servizos sociais chamados a coidar da saúde integral das persoas.

Na Galiza, revela o informe, hai 772.975 persoas pensionistas cunha pensión media de 1.022 euros mensuais, a segunda máis baixa do Estado só por diante de Estremadura, "unha eiva estrutural que non somos quen de superar", afirmou Maica Bouza, secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO, na presentación da memoria.
"Non podemos perder de vista que se teñen producido melloras como resultado das reformas e dos acordos alcanzados en materia de pensións, pero a realidade é que se trasladan moi lentamente ás persoas maiores", e máis no caso da Galiza.

Porén, destacou os cambios que introduciron os pactos asinados po CCOO, UXT, parte da patronal e o Goberno do Estado para a revalorización das pensións atendendo ao IPC, "o que supón un incremento de 77 euros mensuais, superior ao aumento de 3 derivado de aplicar o índice de 0,25" sinalou Bouza.

Fenda de xénero

A voceira de CCOO tamén se referiu á reforma laboral, que segundo dixo mudou as condicións de acceso ao mercado laboral. "Esta reforma incide en modificar os modelos de contrato para favorecer o emprego de máis calidade", un avance que, explicou, ha de mellorar as condicións de acceso e permanencia no mercado laboral de quen soporta as circunstancias máis precarias: as mulleres.

Só 70.000 persoas maiores de 65 anos son titulares dunha prestación de dependencia

A fenda de xénero é un dos principais eixos de desigualdade que se trasladan do mercado de traballo ao sistema de pensións, conclúe o informe. O propio sistema identifica dous campos nos que esta fenda de xénero opera con máis forza: o número de pensións das mulleres é menor e tamén o é a contía que reciben a fin de mes. "Na medida en que as mulleres accedan a mellores salarios as súas pensións tamén se verán melloradas".

Sistema de dependencia

O acceso a un salario digno non é a única demanda. Urxen condicións de traballo menos precarias e servizos socias accesorios que garantan o emprego de calidade a todas as persoas, nomeadamente as mulleres.

Os coidados recaen nas súas mans. Os profesionais, en centros sociosanitarios ou a través dos Servizos de Axuda no Fogar, mais tamén os non remunerados. 

"Aínda que os datos por territorios indican que o nivel de acceso ao sistema de dependencia na Galiza é positivo, temos unha poboación moi envellecida que non se está a beneficiar del". Só 70.000 persoas maiores de 65 anos son titulares dunha prestación de dependencia. "Só 17 de cada 100". "Na Galiza non temos Consellaría de Política Social", denunciou Bouza ante a falta de diálogo e capacidade de análise por parte da Xunta para revisar a atención á dependencia, rebaixar a institucionalización e garantir servizos públicos de calidade.

"Preocúpanos a atención das persoas usuarias e a situación do persoal que traballa no sector da dependencia"., concluíu Maica Bouza, e en xeral dunha poboación maior que "cada vez vive máis tempo e en mellores condicións".