Denuncia ameazas dos traballadores de Ence: "Vendeobreros, rata nacionalista, ojalá pudiera fusilarte"

Columna de fume desde a factorái de Ence en Lourizán.
A estratexia de confrontación iniciada polos traballadores de Ence tras a fin da prórroga "ilegal" concedida á pasteira abriu unha fenda aínda máis fonda entre a cidadanía e o persoal da factoría. As redes sociais, ademais das rúas e dos despachos políticos, son escenario de tirapuxas e ameazas.

Desde que a Audiencia Nacional tombou a prórroga da concesión a Ence outorgada polo Goberno de Raxoi en funcións, a saída da pasteira da ría de Pontevedra avivou o debate social.

A tensión entre quen defende a marcha da celulosa de Lourizán mais do seu potencial contaminante e de quen avoga pola súa continuidade, nomeadamente a empresa e o Partido Popular, formación política con importantes lazos con Ence, foi a máis.

Nas últimas datas, persoal de Ence, próximo ao PP e a CCOO, boicoteou o pregón inaugural das festas da Peregrina e sacudiu as rúas da cidade de Pontevedra con barricadas de lume. Os actos de protesta tamén o foron de violencia, por momentos, entre intentos de agresión mesmo ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o lanzamento de mobiliario público que espertaron un cruce de acusacións.

Prexuízos medioambientais e ofensas persoais

Mais a discusión sobre a saída de Ence da ría traspasa os discursos dos representantes públicos. Atopa peor acomodo entre a veciñanza que leva anos sinalando os prexuízos medioambientais da pasteira e reclamando a súa clausura, sen perder de vista o futuro laboral dos traballadores.

Calquera mensaxe de denuncia pública deixa tras de si un ronsel de insultos, ameazas e ofensas que veñen agravar o conflito.

Os chíos fotográficos que denuncian as emanacións da factoría, capturadas desde diferentes puntos da contorna alimentan o debate sobre a calidade das emisións ou o futuro dos postos de traballo. O cumprimento da lei contra a continuidade de Ence, a quen colectivos como a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) responsabiliza da situación laboral do seu propio persoal "por se negar a cumprir a Lei coa máxima de 'ou Lourizán ou nada'".

Mais o debate e os argumentos viran axiña en confrontación e ataques directos a quen urxe a saída da pasteira de Pontevedra.

Estratexia equivocada

Aarón Franco é veciño de Marín mais tirou a foto que se fixo viral desde Poio. En conversa con Nós Diario láiase da actitude e da resposta "agresiva" dos traballadores, non só polo que a el lle afecta senón polo impacto xeral na veciñanza. "Están errando na súa estratexia. Contra quen teñen que tirar é contra a empresa, que desde hai moitos anos sabe que a concesión caducaría, por máis que retorcese a lei para sorteala coa prórroga ilegal dun Goberno en funcións".

O único que están a lograr, salienta, "é que xente que non estaba posicionada claramente en contra de Ence e entendía que o persoal de Ence mirase polo seu traballo, se poñan en contra". "Quen os estea aconsellando, estao facendo moi mal", conclúe.  

Desde a Asociación pola Defensa da Ría coinciden con esta análise. Aseguran que os últimos acontecementos protagonizados polos traballadores de Ence agravaron a ruptura coa cidadanía de Pontevedra. "Equivócanse de inimigo", sentencia Antón Masa, presidente da APDR, en declaracións a este xornal.

Segundo aclara, este conflito responde a un problema máis grave: ver quen son os responsábeis da situación que atravesa o persoal da factoría e de como a están vivindo.

O inimigo é a empresa

"Nin o Concello, nin o BNG, nin o PSOE nin a APDR nin moito menos a cidadanía somos inimigos deles. O inimigo é a empresa, que tivo 30 anos para buscar un emprazamento alternativo. Pero Ence sempre resolveu os seus problemos pola vía do amiguismo", afonda Masa, sen lle importar a situación do seu persoal chegado 2018. E os traballadores, engade, "en vez de exixirlle á empresa outra localización, sempre defenderon a súa posición". Quedar en Lourizán. E agora, en vez de dirixirse á pasteira e reclamarlle unha saída no tempo que lle queda deciden atacar a quen interpuxo recursos contra a súa continuidade na ría e enfrentarse a representantes políticos, ecoloxistas e veciñanza.

"Pero é a empresa quen os vai deixar sen traballo, non nós", precisan desde a APDR, receptora, tamén, de ameazas que consideran graves, expresadas nestes termos, rememora Antón Masa: "Se temos que marchar de Lourizan correrá o sangue en Pontevedra". "Isto non se pode dicir", incide, porque supoñen agresións moi serias.

Vapor de auga contaminado

Para Aarón Franco, a sumisión dos traballadores é "un exemplo da alienación, de como a clase traballadora defende os intereses empresariais, tomando por propios intereses que son absolutamente alleos", de forma que o único que logran é "ser utilizados para resolverlle a papeleta á empresa e a Núñez Feixoo, porque é a Xunta quen ten as competencias en materia industrial".

Franco defende os chíos exemplarizantes que inzan as redes sociais combatendo "argumentos falsos que repiten desde hai moitos anos". As emisións de Ence non son só vapor de auga, incide. "Os propios informes da empresa din que eses vapores conteñen óxidos de xofre, dióxido de carbono".

E contra isto, remarca, elixen a violencia, as ameazas e a ridiculización persoal en redes sociais, que levou ao feche de varias contas tras as denuncias de usuarios e usuarias, explica. É o froito da "desesperación", di, pero "a estratexia do medo non nos vai dobregar". "Non só importan eles", engade Aarón Franco. "Quen fala de todas as mariscadoras que quedaron polo camiño, de todo o emprego conserveiro que se podería xerar se se recuperase Lourizán como banco marisqueiro?".  

Custo social do boicot

Con todo, a revolta colectiva e máis severa dos traballores da celulosa minguou tras o boicot ás festas da Peregrina, aseguran. "Tivo certo custo social. Moita xente que non está de acordo con que Ence siga na ría pero tamén preocupada polo que poida pasar cos postos de traballo desmarcouse das súas accións", di Masa, quen incide na teima do persoal "por facer ver que é legal que a factoría continúe en Lourizán porque lle deron unha prórroga, ilegal".

Precisar até que punto as ameazas responden á iniciativa particular ou a unha acción dirixida desde os comités é complicado, advirte. "O que éstá claro é que abriron máis unha brecha que xa había entre os propios traballadores e a sociedade civil de Pontevedra", conclúe Antón Masa.