Un de cada catro peixes de fondura ten restos de plástico

A comunidade científica internacional deu a voz de alarma sobre o aumento de plásticos no mar (Foto: Nós Diario).
O lixo alcanza seres mariños que habitan a máis de 1.000 metros de profundidade baixo a auga.

Persoal investigador dos Centros Oceanográficos de Vigo, Málaga e Cádiz do Instituto Estatal de Oceanografía (IEO-CSIC) avaliaron a incidencia de microplásticos no contido estomacal de dúas especies de peixes de augas profundas: o talismán (Alepocephalus  bairdii) e o granadeiro (Coryphaenoides rupestris), dúas especies de interese comercial que se capturan habitualmente no banco de Porcupine (Irlanda).

Este estudo, que acaba de publicarse na revista Science of theTotal Environment, analiza a presenza de microplásticos en 50 individuos destas especies de peixes de fondura, capturadas a profundidades de entre 985 e 1037 metros. Para alén diso, neste traballo revísase a incidencia observada noutros estudos en especies similares en todo o mundo.

Tras analizar en laboratorio o contido do estómago dos peixes atopáronse restos de plástico degradado en un de cada catro peixes. Ademais, identificouse nun dos espécimes un filamento plástico completo.

Voz de alarma

Nos últimos anos a comunidade científica internacional deu a voz de alarma sobre a problemática ambiental relacionada co aumento dramático da entrada e persistencia de materiais plásticos no medio mariño.

Para tentar comprender como afectan os plásticos as distintas especies que poboan os mares, estudouse "a presenza de microplásticos na biota mariña nunha ampla variedade de animais, desde mamíferos e aves mariñas até invertebrados", de acordo cos investigadores encargados da realización deste estudo.

Estudo de referencia

Este traballo, indican desde o equipo investigador, "proporciona o primeiro estudo de referencia de elementos microplásticos en peixes de tales profundidades no Atlántico e suxire que estas especies poderían usarse como bioindicadores en futuras investigacións".