Pedro Sánchez anuncia un abono único de transporte para tren e autobús por 60 euros
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou esta segunda feira a creación dun abono único de transporte válido para todo o Estado, que permitirá viaxar por unha tarifa plana de 60 euros. Segundo avanzou na súa comparecencia, a medida entrará en vigor na segunda quincena de xaneiro.
"Cando entre en vigor na segunda quincena de xaneiro, todos os cidadáns van poder sacar un abono co que van poder viaxar por todo o país e coller todos os trens de media distancia, proximidade e autobuses cunha tarifa plana", explicou. Este abono único xa fora anunciado a comezos do ano para entrar en vigor en 2026, pero faltaba pórlle prezo e data definitiva.
A nova tarifa, segundo aclarou o presidente español, será de 60 euros para público xeral, e de 30 euros para menores de 26 euros e servirá para usar os trens de media distancia, así como os autobús estatais, pero non valerá para a alta velocidade. Poderá utilizarse, aliás, en trens de proximidade, unha modalidade de transporte que non existe na Galiza.
"Trátase dunha aposta moi rotunda pola mobilidade sostsíbel e tamén pola clase media e traballadora, porque supón un aforro para o peto de moitas familias no noso país e, por tanto, creo que é unha medida transformadora e moi relevante", sinalou o presidente durante unha comparecencia na que fixo balance do ano. Con este ano, puxo como exemplo, unha traballadora ou un traballador que todos os días vai de Vigo a Santiago poderá aforrar até case un 60% do gasto mensual en transporte público. "Falamos de 2 millóns de persoas ás que cada mes lles custará menos chegar a todo: ao seu emprego, ao seu fogar, ao seu día a día. Isto é gobernar: facer máis fácil o importante para a xente do montón”, remarcou Sánchez.
Esta medida replica unha iniciativa alemá (Deutschlandticket), aínda que neste Estado inclúese todo o transporte público por 63 euros, é dicir, inclúe tamén o uso de metros e tranvías de todas as cidades, coa única excepción de que, como no caso do do Estado español, non é válido na alta velocidade.
Inicialmente, a medida anunciada esta segunda feira por Pedro Sánchez só incluíra os trens de Renfe que non sexan alta velocidade e os autobuses de longo percorrido, ao ser todo iso competencia do Estado, aínda que o Goberno español espera que autonomías e concellos se sumen ao proxecto para incluír tamén metros, tranvías e autobuses urbanos da súa competencia.
Sánchez cifrou en 2 millóns de persoas as potenciais beneficiarias deste billete único, que poderán aforrar case un 60% do gasto mensual en transporte público.
En calquera caso, o presidente tamén anunciou que se prorrogarán os descontos vixentes, aínda que non detallou en que medida. Actualmente, os abonos mensuais de transporte urbano e interurbano e os bonos de 10 viaxes teñen un 40% de desconto (o 20% financiado polo Estado e o outro 20% polas comunidades ou concellos). Os descontos vixentes tamén permiten descontos do 40% (70% para a mocidade) nos trens de media distancia e do 50% nos Avant, así como do 50% en autobuses estatais (70% para mozos).
A entrada en vigor destes descontos puxo fin aos abonos gratuítos —vixentes desde setembro de 2022 até xullo de 2025—, destacando unha discriminación "histórica", denunciada tanto por plataformas de persoas usuarias como por formacións políticas como o BNG: na Galiza, o custo por traxecto é superior ao que asumen as persoas usuarias do tren de proximidade no resto do Estado, debido aos descontos específicos que aplica Renfe nese servizo —unha tarifa plana de 20 euros por traxecto—.
Pola contra, en xullo, o prezo do bono mensual para o traxecto de tren media distancia entre A Coruña e Vigo pasou da gratuidade aos 204,65 euros; o da Coruña a Santiago custa 90,30 euros; o da Coruña a Ourense, 261,05 euros; o de Santiago a Ourense 163,05 euros; o de Vigo a Santiago, 139,40 euros; o de Santiago a Vilagarcía de Arousa, 60 euros e o de Pontevedra a Vigo, 51,70 euros.

