Os servizos de Pediatría de Lugo, "ao bordo do colapso" porque "non hai suficientes pediatras"

Acceso principal do HULA, en Lugo. (Foto: Nós Diario)
Satse alerta da delicada situación que atravesan o HULA e o ambulatorio de Fingoi.

O sindicato de enfermaría Satse denunciou esta terza feira que os servizos de Pediatría do HULA (Hospital Universitario Lucus Augusti) e do PAC de Lugo en Fingoi están nestes momentos "ao bordo do colapso".

O delegado de Satse en Lugo, Manuel Veiga, constatou que tanto no PAC de Fingoi como nos servizos de Urxencias do Hula "están a multiplicarse as patoloxías respiratorias", o que leva, asegurou, "a que os servizos estean saturados".

Ao mesmo tempo, Veiga sinalou que "non hai suficientes pediatras" e tampouco "suficientes enfermeiros", polo que, "mesmo nos servizos de Urxencias, como no PAC de Fingoi, onde hai médicos xeneralistas, hai esperas de máis de dúas horas".

"Emprázase a dirección a que se envíen reforzos, tanto de médicos como de enfermeiros e enfermeiras, e négase ou se dá a calada como resposta", criticou o sindicalista.

Manuel Veiga concretou que en Fingoi, na quenda de 15 horas a 8 horas, poden atender perto de "40 ou 50 nenos". A maioría deles, asegurou, "aténdense directamente no PAC, aínda que a algúns hai que derivalos aos servizos de Urxencias do HULA".

En todo caso, o sindicalista puntualizou que en Fingoi realízase "un filtro bastante importante" porque se axuda a "desconxestionar as Urxencias pediátricas". Con todo, censurou que neste PAC lucense "non se dispón dunha sala de espera para nenos" e "están mesturados cos adultos".

"É un pouco descontrol. Isto conduce a que se vivan momentos de tensión e de nerviosismo porque veñen nenos que chegan mal e teñen que esperar a súa quenda con outros adultos, con outras patoloxías, e prodúcese unha mestura que tampouco debería de ser así", afeou Veiga.