O Sergas defende que "non pode haber un pediatra en cada ambulatorio", algo que xa acontece en seis de cada dez concellos

O persoal de Pediatría do CHUO alertou en setembro do "desmantelamento" do servizo na área sanitaria de Ourense. (Foto: Europa Press)
No conxunto do país hai até 7.674 crianzas sen profesional de pediatría asignado.

A nova xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, dixo este domingo nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia que a poboación galega "ten que entender que seguramente non poderá haber un pediatra en cada centro de saúde", unhas declaracións que provocaron malestar e numerosas reaccións nas redes sociais.

Precisamente, cada vez son máis os municipios do país que denuncian a falta de pediatras nos seus ambulatorios. Nas últimas semanas Nós Diario ten informado destas carencias en multitude de centros sociosanitarios.

A Plataforma Sanitaria da Mariña alertou o pasado 2 de outubro de que o ambulatorio de Burela contaba cunha única profesional médica para atender perto de 1.500 crianzas da zona, unha "sobrecarga de traballo", dicían, "que resulta insostíbel para unha soa persoa".

O mesmo colectivo trasladou as queixas de familias de Barreiros, Lourenzá e Mondoñedo, onde no momento da denuncia non había pediatra: "Non se están a facer as revisións periódicas dos neonatos nin tampouco noutras idades".

Aliás, profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) denunciaron o pasado setembro diante da Valedora do Pobo a "vulneración dos dereitos asistenciais de menores", debido a que, nos últimos meses, crianzas prematuras de menos de 30 semanas desta área sanitaria foron derivadas a Vigo para recibir asistencia médica.

"A propia Xerencia admitiu renunciar á atención de prematuros menores de 30 semanas, que serán derivados a outro centro, mais isto supón que haberá pais que sufrirán ingresos dos seus fillos durante máis de dous meses desprazados fóra da provincia, cando en Ourense existe unha unidade dotada para atendelos pero cos seus pediatras desprazados a outro centro", sinalaban.

O problema foi especialmente agudo durante o verán, cando, por mor das numerosas baixas por vacacións —e causas de diversa índole—, quedaron desertas prazas en concellos como Soutomaior. Alí, o centro de saúde de Arcade non tivo en xullo ningún pediatra por unha baixa non cuberta.

Un problema crónico

Segundo datos da Asociación Española de Pediatría en Atención Primaria (AEPap), na Galiza hai até 7.674 crianzas sin profesional de pediatría asignado, o que supón, entre outras cuestións, que 14% das prazas estean ocupadas por médicos de familia e non por pediatras.

Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), os centros de saúde galegos contaban en 2004 con 405 pediatras; en 2021, con 318. Así, 192 concellos carecen de servizo de Pediatría, reducíndose o número de profesionais desta especialidade en 22,5% desde 2009, con 40% dos profesionais superando 55 anos e con 25% por riba de 60 anos.

A oposición critica López-Pardo

A líder da oposición no Parlamento galego e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, saíu ao paso das declaracións de López-Pardo esta segunda feira cualificando de "impresentábel" que "queira normalizar que os nenos non teñan un pediatra e a continuación o que faga [o PP] sexa defender unha rebaixa fiscal para millonarios que vai retirar das arcas públicas".

"Pregúntome se o PP de verdade pensa que os nenos non teñen dereito a ter un pediatra no seu centro de saúde", dixo, e avanzou que a súa formación pedirá a comparecencia "urxente" do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para dar conta da "auténtica barbaridade" que é, dixo, que haxa servizos de Urxencias na atención primaria "sen médicos".

Tamén o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, considerou de "gravidade extrema" as palabras da xerente do Sergas sobre a falta de pediatras no país, ao mesmo tempo que denunciou o "panorama desolador" polos datos das listas de espera.

"Esta realidade o que reflicte é que na Galiza as condicións laborais son peores", criticou, antes de censurar tamén que a xerente falase dun "plan de recuperación asistencial para pacientes crónicos que non visitaron o sistema nos últimos seis meses". "Pregúntome, como cidadán ordinario, en que cabeza cabe que un paciente crónico non asista en seis meses, como é posíbel", subliñou.