A pediatría, desbordada na volta ao cole entre o arrefriado leve e a Covid-19

Primeiro día de colexio no CEIP López Ferreiro de Santiago de Compostela (Foto: Arxina).
No inicio do curso é habitual que a rapazada contraia infeccións respiratorias, cuns síntomas que corresponden aos da Covid-19 recollidos no protocolo da Xunta. O persoal de Pediatría acumula consultas para distinguir a causa da tose e dos mocos do alumnado mentres este agarda na súa casa. E advirte das dificultades de atender unhas axendas cada vez máis avultadas. Todo nun servizo cun déficit crónico de especialistas. 

É habitual que o comezo do curso escolar veña acompañdo dun pico nas infeccións respiratorias entre o alumnado por causas víricas. A tose ou os mocos son unhas compañeiras máis da rapazada que se volve arrexuntar nas aulas tras meses sen verse. Porén, na época actual eses síntomas enseguida prenden as alarmas do profesorado e das familias ante a posibilidade dun contaxio pola Covid-19.

Antes da chegada do coronavirus, as infeccións respiratorias xa eran as que máis demanda xeraban, afirma Marián González

Marián González traballa nas Urxencias Pediátricas do Hospital do Barbanza. "Antes da chegada do coronavirus, as infeccións respiratorias xa eran as que máis demanda xeraban", sinala. Sobre todo no caso dos nenos e nenas de menor idade que comezan a socializar por primeira vez nunha escola de educación infantil.

Moitas desas citas tiñan lugar tras dous ou tres días de síntomas ou cando estes eran graves. "Era habitual que as familias levasen os nenos ao colexio con algo de tos ou mocos", engade González. Durante o confinamento o hospital no que exerce percibiu unha diminución das consultas por ese tipo de infeccións. "É normal, os nenos estaban protexidos da Covid-19, pero tamén doutras infeccións", aclara ela. 

Aumento das consultas

Durante o verán, cunha socialización da rapazada maiormente ao aire libre, a afluencia non variou ostensibelmente. O cambio chegou co inicio do curso. "Desde hai dúas semanas detectamos un aumento da demanda no servizo de Urxencias por infeccións respiratorias", di González, engadindo que isto se debe á presión das familias para cumprir co protocolo.

A pediatra refírese a guía de adaptación ao contexto da Covid-19 elaborado pola Xunta da Galiza. Entre as súas directrices inclúe que as familias deben  solicitar unha consulta ao centro de saúde en caso dos seguintes síntomas: febre maior de 37,5 graos, tose seca ou dificultades respiratorias. Tamén fatiga severa, dor muscular, falta de olfacto ou de gusto ou diarrea. 

De presentaren algún destes síntomas, propios tamén das infeccións víricas habituais nesta época, as crianzas deberán ficar nos seus fogares até seren atendidas polo servizo de Pediatría. "Agora, por seguridade, non é posíbel que vaian a clase", sinala González. Como consecuencia, as peticións de consulta acumúlanse nas axencias dos centros de saúde. 

Desbordamento

Se os servizos hospitalarios de Pediatría percibiron un incremento das consultas, no caso da Atención Primaria as e os profesionais sinalan un "desbordamento". "Estamos a facer consultas que se retardaron debido ao confinamento á vez que retomamos os programas de saúde que se suspenderon. Facemos o posíbel telefonicamente, pero tamén temos que facer consultas presenciais", resume Amparo Rodríguez, pediatra e presidenta da Asociación Galega de Pediatría (AGP). 

Facemos o posíbel telefonicamente, pero tamén temos que facer consultas presenciais, explica Amparo Rodríguez


A isto súmanse outras tarefas relacionadas coa Covid-19 e que inclúe o protocolo da Xunta. Entre elas, "acreditar a imposibilidade de uso da máscara". Tamén definir os criterios sanitarios que "rexerán a asistencia a clase" ou "a escolarización domiciliaria" en alumnado vulnerábel con patoloxías agudas ou crónicas.

Rodríguez amósase partidaria da presencialidade e das medidas de seguridade aplicadas nos centros educativos. Porén, repite que as numerosas consultas para discernir entre casos da Covid-19 e outras infeccións respiratorias están a saturar os centros de saúde.  

Hai pais ou nais que non se poden permitir faltar aos seus postos, valora Marián González

Tanto ela como González  salientan que este labor absorbe grande parte do tempo de traballo. "A presión sobre as familias é grande", comprende a primeira, matizando que hai fogares con dificultades para atender as crianzas, polo que a urxencia en determinar a orixe da doenza é maior. "O teletraballo adoita asociarse a unha situación socioeconómica elevada. Hai pais ou nais que non se poden permitir faltar aos seus postos", di. De fondo, a urxencia de ter que advertir un contaxio ao centro, no lugar de traballo ou á familia. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da sexta feira, día 26, nos quiosques ou na nube]