A precariedade e as eivas na planificación dos recursos agravan a falta de pediatras

Miles de nenos e nenas na Galiza sofren unha deficiente calidade asistencial por mor da falta de pediatras (Unsplash).
Segundo a Sociedade Galega de Pediatría, Galiza ten un déficit de pediatras de 12%. Unha carencia que os servizos hospitalarios e de Atención Primaria arrastran dende hai moitos anos e que obedece, din profesionais da especialidade, a unha mala planificación dos recursos, a un uso inapropiado das áreas sanitarias e á contratación precaria.

A falta de pediatras é un problema “antigo e complicado” co que a sanidade pública segue lidando na actualidade. Segundo o presidente da Sociedade Galega de Pediatría, José Ramón Lorenzo, a carencia é inferior á doutros territorios, e moito máis acusada nos servizos de Atención Primaria. Na súa opinión, esta eiva ten difícil solución e débese a una planificación inadecuada das necesidades de pediatras a longo prazo.

Para Marián Rodríguez, pediatra no hospital da Barbanza desde hai dúas décadas, o cálculo que se fixo “é erroneo desde o primeiro día, algo difícil de entender xa que o sistema prevé dotar cada especialidade das prazas necesarias de forma razoada, en función da poboación, das profesionais que se vaian xubilar, e da previsión estatística de canta xente vai morrer nos próximos anos".

Incrementar o número de prazas MIR é unha opción para reducir o déficit, pero formar novos pediatras leva tempo e "o sistema sanitario tampouco ten capacidade para asumir a formación de moitos máis residentes", explica.

Na Mariña saben ben do impacto que ten na súa cortona a falta de especialistas. Mondoñedo, Barreiros e Lourenzá contan cun médico de familia que fai labores de pediatría e que vai rotando polos tres concellos. Tamén en Verín, desde onde critican “un mal uso das áreas sanitarias e a precariedade da contratación".

A información completa podes consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube