Entrevista en 'Nós Diario'

Patricia López, xornalista e directora de 'Crónica Libre': "Unha organización criminal fíxose cos poderes do Estado"

A xornalista de investigación Patricia López. (Foto: Nós Diario)
Patricia López é unha das xornalistas de investigación máis recoñecidas do Estado. Directora do xornal 'Crónica Libre', vén de dar a coñecer unha gravación entre o comisario Villarejo e o director de 'La Sexta', Antonio García Ferreras. Hoxe explica para 'Nós Diario' a operativa e o funcionamento das cloacas do Estado.

—Cando se fala das cloacas, a primeira idea que vén á cabeza e a duns policías corruptos, pero que hai detrás desa imaxe tópica?
Hai dous aspectos que debemos diferenciar. O normal é que haxa policías que traten con narcotraficantes, terroristas, traficantes de armas e en xeral co mundo do lumpen e, outra cousa, como acontece neste caso, é que os policías sexan o lumpen. Isto, máis que cloacas, é unha organización criminal que se apoderou dos poderes do Estado.

O que imos atopando, partindo da cloaca policial, é que esta ten unha pata mediática, unha pata empresarial e outra, que é indispensábel, que é a súa pata xudicial. Isto xa non é un grupo de policías corruptos, é unha organización criminal que tomou o poder. 

—O domingo facía público no seu xornal, Crónica Libre, unha conversa entre o comisario José Villarejo e o director de La Sexta Antonio García Ferreras sobre Pablo Iglesias, e esta terza feira recollía outra parte da mesma referida a Juan Carlos Monedero e a Pedro Sánchez. Que destacaría da derivada xornalística das cloacas?
Eu din a coñecer ese xantar entre Ferreras e Villarejo en 2016. Foi un xantar que durou catro horas, polo que queda aínda moito por sacar do mesmo nos próximos días. Aquel día de 2016 en que publiquei a nova, Antonio García Ferreras chamou ao xornal onde eu traballaba para dicir que a comida fora intranscendente e que a conversación versara sobre unhas pílulas para o corazón, que comercializaba Adrián de la Joya [socio do comisario José Villarejo].

Polo tanto esta gravación vén demostrar que o que dixen en 2016 era certo e que todos aqueles que me vetaron nas televisións como Ferreras ou Mauricio Casals [presidente do xornal La Razón] ou que vetaron as informacións ou incluso que nunca as testaron non é que fosen malos xornalistas, senón que estaban ao servizo doutra causa que non era a de ter os cidadáns informados, senón máis ben perdidos ao servizo do capital, é dicir do seu xefe.

—Un dos aspectos que máis sorprende é a impunidade coa que actúan os representantes máis significados das cloacas, iso quere dicir que contan con conexións e complicidade do poder político ou do poder xudicial?
Digamos que isto é como unha roda, unha roda que dá voltas cando funcionan todas as pezas que fan parte dela, de feito se algunha destas non funcionase, a roda non daría voltas. Aquí é necesario o político, o policía, o empresario, o medio de comunicación e a xudicatura.

Nós comezamos o domingo en Crónica Libre cun mapa da Unidade da Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF), unha presunta organización criminal segundo a nosa investigación e segundo investigacións que se levan a cabo na Audiencia Nacional. A UDEF, estaba dirixida polo comisario Villarejo xunto co seu entrañábel compañeiro, o comisario José Luis Olivera, que agora está con Luis Rubiales na Real Federación Española de Fútbol. A partir de aí, había outros mandos por debaixo aos que se lles facía mudar os informes ao gusto do cliente que estas persoas tivesen. En definitiva, isto é unha unidade de elite policial, fabricando delitos económicos.

—Precisamente, un antigo responsábel da UDEF nese período, Manuel Vázquez, rematou como xefe superior da policía na Galiza?
Manuel Vázquez foi quen finalmente puxo a sinatura para branquear o informe PISA [informe falso contra Podemos elaborado en 2016] e envialo ao Tribunal de Contas, debido a que ningunha xurisdición penal, malia os intentos de Manos Limpias o aceptou porque calquera xuíz ou fiscal sabía que estaban prevaricando en caso de aceptalo, ao non seguir os protocolos que deben cumprir os informes para ser policiais.

—As vinculacións do poder económico con esta trama apareceu documentada en diversos procedementos, saíndo á luz nomes de empresas tan coñecidas como Iberdrola, BBVA ou La Caixa. Que lle parece o más relevante  deste capítulo?
O relevante do capítulo económico das cloacas é que, durante a Transición, os policías que estiveran metidos nos asuntos máis turbios do Ministerio do Interior foron convidados a marchar da policía a cambio de bos postos en empresas como o Banco Santander, BBVA ou Iberdrola e con isto axudaron a facer espionaxe industrial.

Curiosamente nestas catro horas de comida entre Villarejo e Ferreras que nos quedan por desvelar, hai encargos contra outros empresarios e políticos doutra cor que non é a morada.

A conexión galega das cloacas

Patricia López leva desde 2016 desvelando a historia das cloacas. Neste sentido, considera que "para que a cloaca sobreviva móvese á dereita e á esquerda e claro, moitas veces os que pagan, case sempre, son os empresarios".

Ao tempo, repasa a conexión galega das mesmas, onde aparecen os nomes do antigo director xeral de Inditex, Juan Carlos Rodríguez Cebrián, de Manuel Vázquez, de Baltasar Garzón ou de Sito Miñanco. López lembra que descubriu lendo Fariña, de Nacho Carretero, que o alcume de 'Mago' era "o nome que puxeran a Baltasar Garzón durante a Operación Nécora", en relación á causa dos Pérez Maura [navieiro cántabro defendido por Garzón e condenado en Guatemala por tráfico de influencias].

Asemade, destaca que o propio Villarejo recoñeceu que "a detención de Sito Miñanco foi posíbel por Monzer Al Kassar, o traficante de armas íntimo amigo do comisario".