Os reitores piden "fortalecer" o sistema universitario

Os reitores das tres universidades galegas rexeitan a implatación dunha universidade privada: "A oferta privada nin mellora nin complementa a pública"

Reunión do Consello Galego de Universidades, favorábel ao proxecto privado de Abanca, co voto contrario das tres universidades públicas. (Xoán Crespo-Xunta)
Os reitores das tres universidades galegas rexeitan a implatación dunha universidade privada mentres piden "fortalecer" o sistema público.

Desde que en decembro de 2018 se deron a coñecer en sede parlamentaria os plans da obra social de Abanca para poñer en marcha a primeira universidade privada da Galiza, os reitores das tres institucións públicas galegas defenderon unha posición firme e contraria á iniciativa impulsada polo banqueiro venezolano Juan Carlos Escotet.

A súa oposición ao proxecto presentado pola entidade financeira a través de Afundación, quedou de manifesto na xuntanza do Consello Galego de Universidades que acabou por darlle o visto e prace ao anteproxecto de Lei de recoñecemento da Universidade Intercontinental da Empresa agora pendente da súa aprobación e tramitación parlamentaria. Os reitores votaron en contra,  mais a proposta de universidade privada avanzou.

Oferta suficiente

"Desde a Universidade de Santiago de Compostela (USC) non negamos a iniciativa privada", explica o reitor Antonio López en declaracións a Nós Diario, "pero nas circunstancias actuais consideramos que o Sistema Universitario Galego (SUG) dá resposta ás necesidades do alumnado".

Asegura que, desde hai tempo, as tres universidades públicas veñen ampliando o número de prazas nas titulacións onde máis demanda hai. "Agora mesmo, a nosa oferta é suficiente", afirma, xa que o sistema conta cunhas 11.000 prazas de novo ingreso cando o número de alumnos e alumnas que superan as probas de acceso á universidade roldan as 10.000.

Neste sentido, fai fincapé en que a nova proposta de Abanca "nin mellora nin complementa a oferta actual do sistema universitario público", polo que considera aínda menos xustificada a aposta pola iniciativa privada.

Fortalecemento do sistema público 

O reitor da USC asegura que é o momento de apostar polo sistema público de universidades e non de promover os intereses  dunha entidade privada, máis se non se van respectar as exixencias que recolle a normativa vixente. "O que toca é fortalecer e dotar de recursos o Sistema Universitario Galego, e correspóndelle á Administración facer ese esforzo", sinal ao reitor.

Antonio López confía en que a creación dunha universidade privada na Galiza non supoña unha pega á hora de negociar unha mellora do financiamento do sistema público. "Confiamos en que non se recorte investimento nin recursos. Ao contrario, esperamos unha mellora para reforzar a docencia, a investigación de calidade máis a formación, a promoción e a proxección de calquera persoa".

Autonomía e excelencia

Tamén desde a Universidade de Vigo e desde a Universidade da Coruña (UDC) se teñen manifestado nesta liña. No acto académico do Día da Universidade 2020, o reitor da UDC, Julio Abalde, asegurou que "acceder á educación superior é un dereito a cuxa cobertura atendemos as universidades públicas, con capacidade para satisfacer a demanda social e formar, ao máximo nivel, a profesionais de calquera ámbito do coñecemento".

A UVigo tamén celebrou o seu patrón, San Tomé, defendendo a universidade pública. O reitor, Manuel Reigosa rexeitou a implantación da universidade privada e insistiu en que "as institucións públicas poñan na axenda as solicitudes de financiamento, lexislativas e de autonomía para que o SUG sexa cada día máis forte e poida aspirar a ocupar posicións de privilexio na escena internacional".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube