As universidades reclaman máis recursos á Xunta

Investigadoras galegas promoven a creación dun espazo de debate único para salvar a precariedade (Pixabay).
As universidades galegas concordan en pedirlle ao Goberno da Xunta unha mellora dos recursos destinados ao financiamento do ensino universitario. Piden revisar os criterios pero sobre todo incrementar os fondos destinados ao reforzo da docencia, da investigación e da transferencia do sistema público universitario.

As tres universidades galegas reclaman maior investimento público para fortalecer o sistema universitario do país e garantir fondos suficientes para facerlle fronte aos desafíos cos que terá que lidar nos próximos anos. En declaracións á Cadena Ser, os tres reitores rexeitaron a necesidade dunha universidade privada e concordaron demandarlle máis financiamento á Administración galega co fin de situarse ao mesmo nivel ca outros territorios próximos, cun potencial económico e investigador moi similar ao que exhibe Galiza na actualidade.

"A universidade galega precisa máis cartos e hai datos que o avalan", sinalou Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela. "O ensino universitario representa 0,9% do Produto Interior Bruto, cando medias do noso contorno chegan ou superan 1%, algo que non debemos perder de vista á hora de pedir máis recursos".

Pola súa banda, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, incidiu na necesidade dunha "revisión a fondo" do sistema de financiamento das universidades que toca negociar en 2020 "para garantir a sustentabilidade do sistema universitario da Galiza". "Nun escenario de máis certeza para a economía galega, poderiamos pensar en achegas progresivas destinadas á docencia e á investigación que nos igualen con países da volta", apuntou Manuel Reigosa, reitor da Universidade da Vigo.

Neste escenario de cambio e reclamacións, colectivos de investigadoras da Galiza inician a súa propia andaina reivindicativa co fin de mellorar as súas condicións de traballo. De feito, xa deron os primeiro pasaos de cara a construción dunha plataforma común pola investigación na que "poidamos solucionar colectivamente os problemas máis concretos do labor investigador, até reivindicar unidas que a única Galiza con futuro é aquela que aposta por unha investigación pública e de calidade", salientan.

A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.