Partículas de plástico invaden a ría de Vigo: fibras e láminas de pintura

Microplásticos recollidos en augas da ría de Vigo por investigadoras do Instituto Español de Oceanografía (IEO).
Un 30 % dos plásticos analizados resultaron son polietileno.

Investigadoras do Instituto Español de Oceanografía (IEO) de Vigo veñen de publicar un traballo no que se analiza a abundancia de pequenos plásticos nas augas da ría de Vigo. Os máis frecuentes, confirma a investigación, son os microplásticos, partículas de menos de cinco milímetros, a maioría fibras e láminas de pintura.

O equipo científico deu a coñecer na revista Science of the Total Environment os resultados da súa investigación, que determina por primeira vez a presenza de pequenos plásticos, de menos de 25 milímetros, na superficie da auga na ría de Vigo. Neste sentido, documentaron a súa concentración, ciclo anual, tamaño, forma e composición polimérica.

Estudo

As investigadoras seleccionaron tres puntos de mostraxe na ría de Vigo aos que acudiron cada mes durante un ano para realizar o seu estudo. Recolleron mostras de auga de mar utilizando unha rede de arrastre de manta e, no laboratorio, usaron diferentes técnicas espectrofotométricas para determinar os tipos de polímero de cada plástico.

Así mesmo, nos mesmos puntos de mostraxe empregaron outros tipos de redes para recoller e analizar o zooplancton e a súa relación coa presenza de plásticos.

Resultados

En total, realizaron 32 mostraxes nas que se identificaron 854 partículas de plástico, o que supuxo unha concentración media de 25 partículas en cada quilómetro cadrado. Destas partículas, 80 % resultaron ser microplásticos -menos de 5 mm de tamaño- e o resto mesoplásticos -entre 5 e 25 mm-.

Un 30% dos plásticos analizados eran polietileno (PET), un 19% eran acrilatos, un 18% polipropileno (PP) e un10 % eran poliestireno (PS). As formas principais detectadas foron fibras e láminas de pintura, sobre todo de cor negra.

Segundo explicou a investigadora principal do estudo, Olga Carretero, os resultados tamén mostraron unha alta variabilidade estacional nas concentracións, "algo que debería terse en conta nun programa de seguimento futuro".