venres 10.07.2020
Cultura

'Plasticus Maritimus', a especie invasora que medra coa COVID-19

A portuguesa Ana Pêgo desenvolve un proxecto de guerrilla contra o plástico nos océanos, que agora chega á Galiza convertido en libro da man de Kalandraka
A bióloga Ana Pêgo.
A bióloga Ana Pêgo.

A vindeira segunda feira, 8 de xuño, celébrase o Día dos Océanos. É por iso que aproveitamos para pór o foco nunha das últimas traducións da editora Kalandraka: Plasticus Maritimus, unha especie invasora. Este libro vén asinado por Ana Pêgo e Isabel Minhós Martins, con ilustracións de Bernardo P. Carvalho. "Cada hora que pasa, mil toneladas de plástico van dar aos océanos", advirte con dureza na contracapa, para ofrecer a continuación unha pista da postura fondamente implicada desde a que está escrito: "xa é hora de facermos algo". Pero, que?

Desde a infancia

Cando Pêgo naceu, seus pais moraban ao carón da praia, polo que de cativa pasaba preto do mar a meirande parte do tempo. "O que me atraía nesa altura eran os animais, explorar as mareas, procurar fósiles...", conta a Nós Diario a autora portuguesa. Ese interese levaríaa a estudar Bioloxía Mariña na universidade. Mais non foi até por volta de 2011 ou 2012 que comezou a tomar consciencia de "que se atopaba na praia esta nova especie que non debía estar alí". Porén, algunha xente non vía o problema: "non fai mal, foi o mar o que o trouxo e volverá levalo", respondíanlle. Pero Pêgo tiña a certeza de que non debía ser así.

"Era moi frustrante, porque chegaba ao día seguinte e había aínda máis", admite a autora

Esta toma de conciencia levouna a preocuparse pola limpeza das praias e empezou a apañar o lixo que atopaba nos areais. "Era moi frustrante, porque chegaba ao día seguinte e había aínda máis", admite a autora. Ademais, decatábase de que as persoas "non estaban nada concienciadas do problema". Iso, lonxe de minarlle o ánimo, convenceuna da necesidade de divulgar na sociedade o que estaba a acontecer: "que o que estabamos a usar no día a día remataba na praia".

Desde aquela, iniciou un proxecto de uso sensato dos plásticos, do que o libro que vén de traducir ao galego a editorial Kalandraka é só unha pequena pero importante parte, que xa tivo moi boa acollida en Portugal no ano 2018, cando se editou alá por primeira vez, non só entre as crianzas, o público preferente ao que vai dirixido. A obra "deu a posibilidade de facer chegar información sobre este tema", mais ao tempo "tamén motiva as persoas a faceren mudanzas individuais" e crer na utilidade destes pequenos actos que, segundo reivindica a bióloga, teñen tamén o potencial de contaxiar máis alá das propias mans a familia e amizades.

O libro inclúe, como traslado á escrita da propia actividade de Pêgo e desta idea, unha guía práctica para recoller plásticos na praia, desde garrafas e bolsas a outros obxectos máis estraños, como lancetas de pesca ou puntas de parasol. Estas son mostras do que deu en chamar "plasticus maritimus, unha especie que presenta todas as características dunha invasora", explica, deixando abrollar a súa formación como bióloga.

O plástico e o virus

Pêgo móstrase preocupada pola repercusión no incremento dos residuos que vaia traer a vida cotiá en convivencia coa COVID-19. Máscaras ou luvas de plástico dun só uso xa están a rematar nos océanos. "Europa estaba nunha fase de comezar a se desplastificar", advirte a bióloga. Por exemplo, en Portugal prevíase a aprobación da prohibición dunha serie de obxectos desbotábeis, pero coa chegada da pandemia ese proceso quedou comprometido.

"A porcentaxe de obxectos de plástico que son, de facto, reciclados é moi baixa", explica Pêgo

Coa emerxencia sanitaria veu tamén un emprego do plástico como nunca se vira, e semella que imos empregar "aínda máis do que se usaba antes", vaticina Pêgo. E non todo vén xustificado polas medidas de prevención, senón que o "mal comportamento das persoas, que deixan as cousas en calquera sitio, tamén inflúe". Unha nova preponderancia deste material que se suma aos vasos de café ou os envases de comida para levar ou de múltiples produtos á venda, por citar só algúns exemplos.

Abonda coa reciclaxe?

Segundo observa Pêgo, aínda hai moitas dúbidas das cousas que van para reciclar. Desde que apareceu o concepto e ao longo dos últimos 30 anos, volveuse habitual escoitar que este proceso "é a mellor cousa que podemos facer". Con todo, fuxindo da panacea e as solucións milagreiras, esta lóxica non lle parece acertada, pois incide na idea de "consumir todo o que queiramos", cando a conclusión actualmente é que iso non é verdade.

"A porcentaxe de obxectos de plástico que son, de facto, reciclados é moi baixa", explica. É por iso que cómpre levar a cabo tamén un cambio de mentalidade que pase por "deixar de usar moitos produtos de plástico", especialmente aqueles que son desbotábeis. 

Guerrilla contra o plástico

Ana Pêgo recolle o plástico das praias de Cascais para o transformar en arte. O proxecto Plasticus maritimus inclúe un inventario de lixo artístico que gaña forza con xogos de cores e formas. A bióloga leva anos coleccionando cousas que atopa nos areais, quer tesouros naturais ou desperdicios humanos.

Após traballar como técnica de laboratorio, durante algún tempo decidiu experimentar tamén a vía da educación ambiental, polo que desde 2013 emprega estas coleccións como ferramentas pedagóxicas en obradoiros para crianzas, escolas e familias na Fundação Calouste Gulbenkian ou en visitas a escolas en Cascais. E así que desde o pequeno loita a súa propia e expansiva guerrilla contra o plástico. 
^

comentarios