Parte de Ferrol un buque de apoio para a OTAN

Buque de aprovisionamento de combate 'Cantabria'. (Foto: Miisterio de Defensa).
Integrarase durante os dous próximos meses, até finais de xuño, no grupo permanente da OTAN número 2, en augas do mar Mediterráneo.

O Buque de Apoio en Combate (BAC) 'Cantabria' partiu sobre as 10 horas desta segunda feira, 2 de maio, das instalacións de Navantia Ferrol, onde ten a súa zona de atracada, para integrarse durante os dous próximos meses, até finais de xuño, no grupo permanente da OTAN número 2, en augas do mar Mediterráneo.

O acto de despedida estivo presidido polo comandante da 31ª Escuadrilla de Superficie, o capitán de navío Gonzalo Leira Neira.

"Mantemos o grao de alistamento ordenado pola Frota en cada caso, mais agora mesmo non temos previstos novos despregamentos", afirmou minutos antes da partida do buque da Armada española.

Ademais, tamén destacou que tamén hai actualmente xa hoxe outra fragata con este grupo naval, a 'Blas de Lezo', tamén con base en Ferrol, e detallou que "as unidades desta escuadrilla están listas no caso de que for necesario o seu despregamento".

Alistamento

Pola súa parte, o comandante do 'Cantabria', o capitán de fragata Alberto Torres, manifestou que "a dotación está con moita ilusión para afrontar este novo despregamento, o segundo que facemos tras o materializado no segundo semestre do ano pasado".

Neste sentido, indicou que "toda a dotación realizou un gran esforzo para manter o nivel de alistamento máis alto que se lles exixe para poder participar en operacións".

O máximo responsábel do buque militar incidiu en que están "ilusionados coa contribución que realizarán á forza naval, ao resto de buques da OTAN que están na agrupación.

Así, teñen previsto desenvolver "moitos labores de apoio, que son propios" da súa "misión" e dun buque como é este, de "aprovisionamento en combate".