A OTAN porfía na incorporación de Finlandia e Suecia: "Recibirémolos cos brazos abertos"

Ambos os gobernos poderían anunciar de forma conxunta cadansúa solicitude de ingreso o vindeiro mes de maio, segundo apunta a prensa sueca e finlandesa.
O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg (no centro) mantivo a comezos de abril un encontro en Bruxelas cos ministros de Exteriores de Finlandia, Pekka Haavisto (esquerda), e Suecia, Ann Linde (dereita). (Foto: OTAN)
photo_camera O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg (no centro) mantivo a comezos de abril un encontro en Bruxelas cos ministros de Exteriores de Finlandia, Pekka Haavisto (esquerda), e Suecia, Ann Linde (dereita). (Foto: OTAN)

O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, insistiu esta quinta feira na adhesión de Finlandia e Suecia á organización militar, dous países que, afirmou, son os seus "socios máis próximos" e "serán benvidos cos brazos abertos".

Xa a comezos deste mes de abril ambos os gobernos confirmarona a apertura de senllos debates parlamentarios para estudar o seu posíbel ingreso na OTAN, que segundo as últimas informacións podería producirse este mesmo verán, coa ollada posta no cumio da Alianza que decorrerá en Madrid os días 29 e 30 de xuño.

Porén, a decisión podería adoptarse antes. Esta mesma semana a prensa escandinava avanzaba que os gobernos sueco e finlandés manteñen "contactos constantes" e avogan por anunciar de forma conxunta as súas candidaturas a formar parte da OTAN, algo que podería acontecer o vindeiro 16 de maio, aproveitando a visita a Estocolmo do presidente de Finlandia, Sauli Niinistö.

A adhesión tería "graves consecuencias político-militares", apuntou en febreiro a portavoz do Ministerio de Exteriores de Rusia, Maria Zakharova, e máis recentemente —o 7 de abril— o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, engadiu que a incorporación á OTAN "non permitirá" aumentar a seguridade en Europa porque "xa representa en si mesma unha ferramenta para provocar a confrontación".

Preguntado polas advertencias do Goberno ruso, Stoltenberg asegurou que a Alianza outorgaría "garantías de seguridade" a Finlandia e Suecia desde o momento en que desen o paso de solicitar cadanseu ingreso.

"Cando Rusia tenta intimidar Suecia e Finlandia para que non soliciten o ingreso na OTAN, demostra como non respecta o dereito de cada nación para tomar as súas decisións", apuntou.

No caso de que finalmente optasen por integrarse na organización militar, o procedemento de adhesión sería "moi rápido", afirmou Stoltenberg, dado que ambos os países xa participan de forma regular en misións e operacións da OTAN.

Comentarios