O párroco que suspendeu a procesión de cadaleitos en Ribarteme (As Neves), envolto nunha nova polémica

Catedral de Tui. (Foto: Luis Miguel Bugallo Sánchez)
Francisco Javier de Remiro decidiu non bautizar unha crianza polo estado sentimental da madriña,

O Bispado de Tui-Vigo emitiu esta terza feira un comunicado de apoio ao sacerdote da parroquia de Ribarteme (As Neves), Francisco Javier de Remiro, que a pasada fin de semana negouse a oficiar un bautismo porque a madriña elixida polos pais convivía coa súa parella sen estar casada, tal e como publicaron varios medios locais.

Este sacerdote foi o mesmo que, a finais de xullo, suspendeu a procesión de cadaleitos da romaría de Santa Marta de Ribarteme ao considerar que "non ten sentido" e que "hai máis formas de mostrar gratitude a Santa Marta sen dar espectáculo".

 No seu escrito, o Bispado afirma que o dereito canónico estabelece as condicións que deben ter os padriños e madriñas de bautismo e que, se non hai máis remedio, o párroco ou sacerdote debe decidir se se compren eses requisitos, entre os que están que os padriños sexan católicos e leven "unha vida congruente coa fe".

Ante a noticia de que o párroco decidira non bautizar a crianza polo estado sentimental da madriña, a Igrexa manifestou que que, entre outras consideracións, o Código do Dereito Canónico recolle que os padriños e madriñas actúan como "guías do novo bautizado", polo que "deben velar coa palabra e o exemplo" polo seu "crecemento espiritual".

Rexeitar a quen poida “causar escándalo”

Neste sentido, o Bispado de Tui-Vigo asegura que o párroco debe aterse a esas normas e "ten a obrigación de rexeitar ás persoas que non cumpran o previsto". "Ningún pai debe estrañarse se o párroco rexeita un padriño que leva un estilo de vida incompatíbel cos ensinos da Igrexa católica, pois é obrigación do párroco actuar así", expón o comunicado.

Respecto diso, subliña que o sacerdote debe actuar "coa necesaria fortaleza" para rexeitar un padriño ou madriña "que podería causar escándalo entre os fieis”. Para a Igrexa, o feito de que determinadas condutas "públicas e inmorais" estean "moi estendidas" non fai que se poida admitir esas persoas.