Opinión

Ribarteme e a cultura popular

"Se cadra tampouco pasou por Ribarteme", pensei, cando souben da polémica do cura e a romaría dos cadaleitos, lembrando un clásico da antropoloxía italiana: Cristo si è fermato a Éboli, de Carlo Levi, quen argumentaba que ata Xesús ficara ás portas daquela terra atrasada do Mezzogiorno deixándoa fóra da Historia.

Se facemos caso ao cura, en Ribarteme o asunto é literal: a doutrina cristiá non se espallou ben entre os parroquianos, pois estes teiman en prácticas pouco ortodoxas. Compre logo facer tábula rasa e abandonar costumes pagáns. Cómpre unha nova "corrección dos rústicos".

Hai algo de filme neorrealista italiano no tema, co cura discutindo na prensa co alcalde vermello. Pero máis alá da anécdota, o acontecido pon en evidencia a existencia, mesmo nesta sociedade occidental post-nietzscheana, dunha relixión do pobo oposta á relixión eclesiástica. Trátase dun exemplo da "visión do mundo" particular das clases populares que teorizara Antonio Gramsci. Tamén é sintomático, e por iso fai ben o alcalde en defender a romaría, da polivalencia dos costumes dos subalternos e do seu potencial para actuar como o que o antropólogo Ernesto de Martino chamaba "folclore progresivo".

A  romaría dos cadaleitos segue dando que falar. Pero todo pertence xa un universo social esmorecente e, como moito, conservado a través do turismo. Vaiamos ao contraste: no concerto de Castrelos das Tanxugueiras a forza do folclore do pasado colleu novos folgos enchendo de reivindicacións emancipadoras os sentidos dos milleiros de almas que alí se congregaron. Tamén en Castrelos se evidenciou o choque entre o popular e o institucional. As cantareiras orgullosamente galegas fronte o alcalde provinciano. Un autoerixido pai dos vigueses —"Quérovos!", chegou a dicir o bufón— que, como bo patriarca, necesita acaparar protagonismo.

Podemos agora facernos algunhas preguntas. Unha sociedade que, como a nosa, sofre dunha forte colonización polos discursos do poder, está abocada a resignificar folclores do pasado ou aínda é posible crear novo folclore progresivo? Teñen as sociedades "modernizadas" capacidade de resistencia cultural? É o refuxio na tradición unha estratexia de defensa ante a falta de autonomía? Unha última pregunta para os "aceleracionistas": é posible a existencia dunha alternativa á civilización capitalista desde a inserción social total na cultura do capitalismo?

Preguntas que un se fai mentres o cura de Ribarteme rabea.

Comentarios