As Neves

Adeus a unha tradición centenaria: a Igrexa veta a procesión de cadaleitos de Ribarteme

"Haberá quen estea en contra, mais son eu quen decide aquí", di o párroco, que considera a popular romaría, declarada de interese turístico, un "espectáculo sen sentido".
Procesión de cadaleitos nas Neves. (Foto Turismo da Galiza)
photo_camera Procesión de cadaleitos nas Neves. (Foto Turismo da Galiza)

A romaría de Santa Marta de Ribarteme (As Neves) é unha das máis antigas e coñecidas da Galiza por unha cuestión que chama a atención en todo o mundo: a procesión de cadaleitos que, a ritmo de marcha fúnebre, percorre o exterior da igrexa.

Esta peculiar romaría, cuxa orixe remontan algunhas persoas expertas á Idade Media, foi declarada en 2020 Festa de interese turístico da Galiza, no ano, precisamente, no que por vez primeira non desfilaron os 'mortos viventes'.

Celébrase, ou celebrábase, cada 29 de xullo, mais a última edición foi a de 2019, dado que en 2020 e 2021 as restricións sociosanitarias por mor da pandemia de Covid-19 impediron o seu desenvolvemento.

O párroco de Ribarteme e a diocese de Tui-Vigo opóñense á continuidade da tradición porque "non ten sentido"

Aquela puido ser, sen sabelo entón a xente que participou dela, a derradeira procesión de cadaleitos. O actual párroco de Ribarteme, Francisco Javier de Ramiro, vén de suspender o evento ao considerar que "non ten sentido" e que "hai máis formas de mostrar gratitude a Santa Marta sen dar espectáculo".

"O importante é a eucaristía", dixo recentemente, e cualificou a romaría de "circo". Porén, esta decisión non agrada á veciñanza, que xa o pasado ano, ao saber das intencións do abade, manifestouse a prol do mantemento desta centenaria tradición.

Tamén a diocese de Tui e Vigo mostrou a súa oposición a esta festividade, pois considera que a chegada cada ano de máis visitantes provoca que torne "nun espectáculo folclórico e non devocional".

"Mentres eu sexa párroco, non haberá procesión dos mortos. Haberá quen estea en contra, mais son eu quen decide aquí", sentenciou o abade.

Comentarios