Xustiza

O TSXG decreta tamén a suspensión cautelar do parque eólico Troitomil

Parque eólico de Montouto, situado entre os municipios de Abadín e Muras (A Terra Chá), composto por 31 aeroxeradores. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Os maxistrados entenden que non se pode seguir adiante coa construción do parque mentres non se dite a sentenza definitiva sobre o mesmo.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza decretou até o momento a paralización cautelar de 16 parques eólicos autorizados polo Goberno galego desde que o Tribunal Supremo sentou xurisprudencia coa sentenza do pasado decembro relativa ao parque de Corme. Aos 15 casos transcendidos a pasada semana sumouse esta terza feira o de Troitomil, conformado por cinco aeroxeradores e unha potencia total instalada de 30 megawatts (MW), que se asentaría nos concellos da Baña e Negreira, na comarca da Barcala, e que recibiu a luz verde da Xunta o 20 de marzo de 2023.

Porén, a Asociación de Veciños de San Mamede de Monte, na Baña, recorreu a resolución pola vía xudicial —unha vez esgotada a administrativa— alegando que o proxecto, promovido por Green Capital Power, ocasionaría importantes danos á saúde, a paisaxe, o abastecemento de auga, as explotacións agro-gandeiras presentes na zona, os núcleos habitados próximos e ao medio natural, cuestións que o TSXG estima oportunas para decretar, ao abeiro do principio do periculum in mora, medidas cautelares de suspensión.

No auto, datado do pasado 7 de marzo e ao que tivo acceso Nós Diario, o alto tribunal galego non impón unha caución á parte demandante para facer efectivas as cautelares mais si atribúe as costas á demandada. Os maxistrados entenden que non se pode seguir adiante coa construción do parque mentres non se dite a sentenza definitiva sobre o mesmo.