O parque eólico Prada volve ameazar á montaña máis alta da Galiza

Macizo de Pena Trevinca (Foto: Nós Diario).
A Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana fai un chamamento urxente a presentar alegacións ante a revisión do proxecto da multinacional norueguesa Statkraft, que pretende instalar 24 aeroxeradores de 215 metros de altura en punta de pa entre as localidades do Barco de Valdeorras, A Veiga e Carballeda, dominando na práctica o horizonte da Serra do Eixe, a día de hoxe considerada como un dos grandes santuarios da natureza galega. O prazo de alegacións remata o 29 de xullo.

 

A intención da multinacional norueguesa Statkraft de instalar 24 aeroxeradores de 215 metros de altura entre as localidades do Barco de Valdeorras, A Veiga e Carballeda preocupa na zona. 

A Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana alerta de que esta sexta feira 29 de xullo remata o prazo de alegacións para un proxecto que afectaría a unha das zonas máis sensíbeis do territorio galego.

O plan da empresa e da súa filial española, 'Desarrollos Renovables Iberia Gamma SLU' contempla ademáis a instalación de 101 soportes dunha línea de alta tensión (LAT) de evacuación que afectaría, ademáis dos concellos mencionados, aos termos municipais de Petín, Larouco, San Xoán de Río e A Pobra de Trives, ademáis da localidade de Quiroga.

Especies ameazadas

A través dun comunicado, a entidade ecoloxista explica que a contorna afectada directamente polo parque eólico Prada conta coa presenza de numerosas especies protexidas como o lobo ibérico (Canis lupus signatus) ou a águia real (Aquila chrysaetos), incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas na categoría de "en perigo".

Alén diso, a nivel xeolóxico ten unha das mellores mostras das antigas paisaxes glaciares da península, cuxo recordo consérvase en lagoas de altura como A lagoa da serpe ou Ocelo

Ademáis, xunto ao río San Xil, está o Teixedal de Casaio, que alberga máis de 300 árbores dunha especie, o teixo (Taxus baccata), que pode chegar a superar os 3.000 anos de idade.

"Preocupa de manera especial a destrución e alteración da capa freática pois durante o proceso de instalación córrese o perigo de modificar e desecar unha gran parte das canles naturais dos nacementos de ríos e regos da zona, dado que a área de implantación do proxecto eólico atópase a unha altitude media de 1.400 metros", aseguran.

Por outra parte, o proxecto afectaría a "unha paisaxe única que ademáis alberga a única cresta alpina da Galiza" e a "xigantesca dimensión dos aeroxeradores, 215 metros en punta de pa, fará que estes sexan visibles dende calquera punto do macizo supoñendo unha afectación paisaxística inasumíbel".

Lembran que "tanto o macizo como a súa área de influencia está amparado pola Rede Natura 2000 e clasificado como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN)" co código "Pena Trevinca 110059", algo que o Decreto 442/1990 considera incompatíbel con iniciativas industriais "que produzan unha alteración física ou unha perda de valores naturais, culturais, científicos o educativos nos espazos naturais en réxime de protección xeral incluídos no Rexistro Xeral de Espazos Naturais da Galiza".

Alegacións até o 29 de xullo

O club alpino Montañas de Trevinca ven de preparar alegacións públicas xerais ao parque eólico Prada que poden descargarse na súa páxina web e presentarse asinadas por rexistro ordinario ou electrónico á Administración pública dirixidas ao Ministerio para la Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) ate esta sexta feira 29 de xullo.