A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) alertou nesta sexta feira das "dimensións delirantes" que está a alcanzar o que cualifica como "burbulla eólica" nas montañas de Trevinca, O Eixe e A Cabrera.
O colectivo ambientalista fai alusión, deste modo, aos parques eólicos que a Xunta e o Goberno estatal proxectan construír na zona, e cuxas dimensións roldarían o tamaño de "29 campos de fútbol".
"Os impactos sobre o territorio serían catastróficos, porque serían eliminados milleiros de hábitats de interese europeo", explicou Adega, que salientou que estes proxectos son incompatíbeis "cos compromisos internacionais asinados polo Estado para a protección da paisaxe".
Unha normativa que, con todo, considera caduca na Galiza: "O Plan sectorial eólico, aprobado en 1997 e reformado en 2002, está tan desfasado que non considera a Rede Natura 2000".
As e os ecoloxistas lamentaron tamén que as administracións, "coa escusa da enerxía verde", deixen a loita contra o cambio climático "en mans das mesmas corporacións que o provocaron e que só buscan o seu beneficio".
Románico no interior dun parque eólico na Baña
Por outra banda, Carme Varela, desde O Sorriso de Daniel, colectivo que ten por obxectivo difundir a arte románica da Galiza, censurou na sexta feira que o parque eólico proxectado no concello da Baña se construiría arredor dunha igrexa do período románico.
"Boa parte do parque non é terreo rústico forestal, senón que dentro do recinto hai 15 aldeas e, entre outras edificacións, atópase este templo", expuxo, a través dun vídeo publicado nas redes sociais. O parque, asegura, "abriría a porta a un inferno que, de seguro, chegará, porque vai permitir facer uns estragos que hoxe non imaxinamos".