Opinión

Trevinca: o parque que queremos

Calquera país do mundo sente un profundo orgullo polas montañas máis altas do seu territorio. Recoñéceas como tales e sitúaas nunha posición preeminente do seu imaxinario colectivo, por exemplo, traballándoas arreo nas aulas das escolas, xerando ao seu redor unha potente creación artística (literaria, pictórica, etc.), desenvolvendo mapas e guías excursionistas e, sobre todo, ascendéndoas decote. Estas abordaxes acaban por consolidar un enorme respecto e estima por elas. Mais, alén de gabar esas terras altas ―elevándoas mesmo á categoría de mito sagrado―, os países todos adoitan protexelas con afán.

Rastrexamos estes vencellos en Australia co Kosciuszko, en Xapón co Fuji, en Ecuador co Chimborazo, en Tanzania (e mesmo na África oriental toda) co Kilimanjaro, en Eslovenia co Triglav (inclúese, de feito, na súa bandeira), en Marrocos co Toubkal, en Francia e Italia co Monte Branco…, mais tamén, máis preto de nós, en Catalunya coa Pica d’Estats ―ou co Canigó, que, como o polisémico Ararat para Armenia, na actualidade fica administrativamente fóra do seu territorio― ou en Portugal coa Torre da Serra da Estrela ―o seu punto máis alto, no entanto, atópase na Montanha do Pico nos Açores―.

A esta rápida enumeración debésemos engadir, en xustiza, a nosa Trevinca. Mais a adscrición á listaxe resulta problemática, pois témola esquecida. Sen que para nada desexe que se masifique, debo recoñecer que nunca deixarei de sorprenderme os días que percorro longos carreiros nas alturas, sen atopar ninguén durante horas e mesmo na xornada toda. Trátase dun sinal revelador de que a alta montaña non concita, por desgraza, un amor colectivo no noso país. Non é este o lugar para determinar as causas desta constatación nin para indicar as honrosas excepcións ―habelas, hainas―. En todo caso, as consecuencias semellan meridianas: se un lugar resulta invisíbel para a comunidade que o debese ter activo na súa mente ―e no celme do seu corazón―, pódese facer nel o que determinados intereses empresariais queiran, sen que case ninguén se decate nin erga a voz.

Así, cando en 2015 tiven o privilexio de participar da xeración de materiais didácticos sobre a paisaxe galega no Proxecto Terra ―unha desas iniciativas marabillosas que xurdiron da incríbel laboura do profesorado de escolas e institutos deste país―, quedei compunxido ao comprobar que «Trevinca» xa fora traballada naquela altura como a paisaxe agredida por excelencia en Galiza. Era o exemplo da devastación polas canteiras de lousa (louxa en galego local) que afectan, sobre todo, o concello de Carballeda. Debo confesar que daquela tiven persoalmente, e que formulei de forma grupal, un conflito sobre esta caracterización de Trevinca. No entanto, decateime paseniño de que esa percepción está enraizada e, polo tanto, que moita xente coida que se trata da súa paisaxe. De feito, a única estrada que até hai pouco tiña un cartel no que se lía «Trevinca», en Sobradelo, é o percorrido máis impactante polos efectos da minaría que se pode realizar en Galiza. Velaí a pouca, e negativa, consideración que parece merecerlle Trevinca ao país.

Neste escenario, comprendemos a ameza que axexa desde os corredores de San Caetano: a implantación de parques de aeroxeradores. Se non me engano, en 2001, 2005 e 2007 xa xurdiran proxectos para esmagar, aínda máis, as terras altas de Galiza. Resulta indignante que en 2021 teñamos que asistir a unha nova entrega. A localización destes parques eólicos foi cambiando cos anos, desprazados en función dos polígonos de «protección» que se viron obrigados a delimitaren neses mesmos corredores, sempre coa categoría máis baixa posíbel, indicio de que esa decisión proveu de Bruxelas.

En Trevinca, o principal argumento para a protección de baixo rango foi a presenza da aguia real (Aquila chrysaetos), unha especie considerada pola Sociedade Galega de Historia Natural nos anos 1980 como rara e en regresión en Galiza (véxase o Atlas de vertebrados de Galicia, publicado polo Consello da Cultura Galega en 1995). Porén, as aguias reais non entenden de límites oportunistas debuxados nos despachos da Xunta, se cadra coa participación das eólicas no seu deseño ―abofé que as empresas louseiras estiveron presentes nas mutacións cartográficas―. Asemade, os aeroxeradores proxectados afectan hábitats prioritarios segundo a Unión Europea e implántanse ás costas do territorio, que non se vai beneficiar nunca deles e, deste xeito, sofre outro espolio máis dos seus recursos naturais, os réditos de cuxa extracción han ser levados ben lonxe. Así, por cuarta vez nunha mesma xeración, preténdese instalar un parque de aeroxeradores na Serra do Eixe, un dos catro grandes cordais, xunto coa Calva, A Segundeira e A Cabreira Baixa, que conflúen no pico de Trevinca.

A Serra do Eixe presenta dúas grandes morfoloxías. Da Portela de Ricosende ao leste, consiste nunha crista que acada case a cota de Trevinca (2127 m) xa no Maluro (1931 m), un pico abrupto como outros deste sector oriental, con afloramentos dun fermoso seixo branco e duro, que, rachado polos procesos de xeo-desxeo, dá lugar a potentes pedregais. Cara ao oeste, por máis de 15 km en liña recta, a forma da serra ―que baixa de golpe para situarse ao redor dos 1400 m de altura― é máis suave e arredondada, en lombo (a toponimia local testemuña varias lombas). O parque de aeroxeradores pretende rozar máis de 20 km deste lombo principal da serra.

Neste punto, cómpre preguntarse: cantas veces hai que lembrarlle á Xunta que se debe ao pobo galego ―e non a os intereses xerados nas portas xiratorias―? Cantas veces vai tramitar o que lle mandan determinadas empresas? A Lei 5/2017, que permite aforrar trámites ambientais e obviar facer pública a información dalgunhas iniciativas empresariais escolleitas, xa nos evidencia como están a proceder. Tampouco resulta un bo agoiro a recente Lei 1/2021, que utiliza a palabra ordenación para desordenar. En efecto, a Xunta outórgase a prerrogativa de xustificar de xeito etéreo sobre o papel o que lle praza, con nula sensibilidade territorial, ambiental e paisaxística real e sen a complicidade dos concellos implicados. Exactamente o que se pretende na Serra do Eixe.

O único parque que queremos, porque no territorio non somos reactivos senón propositivos, é o natural. É delirante que o cume só estea verdadeiramente protexido cara ao leste, mediante un parque natural creado ao redor do Lago de Sanabria, en cuxo extremo máis occidental, afastado e remoto, se encontra Trevinca. En cambio, cara ao oeste do pico, a Xunta foi incapaz de xerar algo equivalente, e iso que non faltan antecedentes, cando menos desde o non aprobado Plan director de coordinación territorial rematado en 1979. Cómpre subliñar que existe un borrador de Plan de ordenación dos recursos naturais para Trevinca, base da declaración de calquera parque natural en Galiza, desde 2009. Cal é o motivo para mantelo no caixón? En fin, en San Caetano algúns expedientes son esquecidos sen que vexan nunca a luz, mentres que outros son permanentemente resucitados, en función, resulta evidente, dos intereses duns poucos.

O único parque que precisamos é o natural. E dicimos isto coñecendo a traxectoria mellorábel destas figuras de protección en Galiza. Talvez sexa agora o momento de cambiar de paradigma, de facer do parque natural da Trevinca galega un instrumento que facilite a vida nun territorio marcado polo despoboamento ―o concello da Veiga ten, en 2020, menos do 11% da súa poboación de 1930―. Trátase, en fin, de xerar unha oportunidade ilusionante de desenvolvemento, conservación e xestión participada que contribúa a situar Trevinca en positivo no mapa de Galiza.

Comentarios