Alertan dun "dano irreparábel" do parque eólico O Picato, o primeiro de Lugo, sobre a cidade e o Camiño de Santiago

O parque eólico O Picato constará de 13 muíños, cunha potencia total de 42 MW. (Foto: Pedro Sala)
Ecoloxistas en Acción presenta un informe técnico que alerta dos "graves impactos visuais e paisaxísticos" deste proxecto impulsado por Naturgy sobre a cidade de Lugo, a súa muralla e o Camiño Primitivo.

O pasado 20 de outubro o Consello da Xunta acordou, na súa reunión semanal, aprobar de forma definitiva o proxecto do parque eólico O Picato, promovido por Naturgy nos concellos de Guntín e Lugo. Os 13 aeroxeradores —cunha potencia instalada de 42 megawatts (MW)— que a compañía enerxética situará entre ambos os municipios serán os primeiros encadrados dentro da cidade amurallada, que até o de agora carece de muíños.

Porén, son moitos os colectivos sociais e ambientais que se están a pronunciar en contra destas instalacións. O último foi Ecoloxistas en Acción, que esta segunda feira presenta un informe técnico no que alerta dos "graves impactos visuais e paisaxísticos" deste parque eólico sobre a cidade Lugo, a súa muralla e o treito do Camiño de Santiago que discorre por este territorio.

Así se verán os aeroxeradores desde Lugo. (Infografía: Ecoloxistas en Acción)

Así, a entidade urxe a suspensión da autorización administrativa do proxecto e a paralización inmediata das obras polos prexuízos que pode causar. O documento sinala que os 13 aeroxeradores suporán a "descontextualización" do patrimonio cultural e un impacto "inasumíbel", xa que as liñas dos aeroxeradores estarán instaladas a 700 metros de altitude, polo que a vista alcanzará non só o Camiño Primitivo, senón que "chegará a observarse desde Lugo e a súa muralla romana, que é Patrimonio da Humanidade".

"Esta situación determina un dano irreparábel para a cidade, condicionando a visibilidade da súa contorna inmediata e deixando en papel mollado o estipulado no Convenio Europeo de Paisaxe", advirten desde Ecoloxistas.

Fonte: Base de datos de Monfero di Non

Ao mesmo tempo, precisan que o Camiño Primitivo de Santiago transcorre a "escasos metros" ao norte dos aeroxeradores máis próximos —máquinas 1 a 9— e un amplo treito que atravesa a poligonal do parque eólico Picato.

"Ante isto, resulta incomprensíbel que, debido a esta gravísima afección, Naturgy, como empresa promotora, non achegue ningún estudo de expertos no Camiño de Santiago que de maneira imparcial acredite que o impacto deste proxecto enerxético non terá unha grave afectación sobre o Roteiro Xacobeo", engaden.