Parellas dos presos do cárcere de Teixeiro reclaman retomar comunicacións presenciais e permisos de saída

Imaxe dalgunha das persoas que se concentrou fronte ao cárcere de Teixeiro. (Foto: Nós Diario)
O centro penitenciario de Teixeiro xa estivo presente nos medios de comunicación tras as repetidas denuncias de familiares e organismos polas torturas e maltratos "sistemáticos" no seu interior. 

O pasado 6 de febreiro, varias parellas de presos do cárcere de Teixeiro, no concello de Curtis, xunto con activistas da coordinadora a prol dos dereitos humanos Abaixo os Muros, concentráronse fronte ao centro penitenciario para reclamar que se retomen as comunicacións presenciais e os permisos de saída dos seus familiares, suspendidos pola Covid-19 desde o 3 de xaneiro.

As manifestantes presentaron tamén unha queixa perante o director do cárcere de Teixeiro, Jose Ángel Vázquez, avisando que estas restricións sanitarias vulneran as condicións mínimas establecidas polas Nacións Unidas para o tratamento da poboación penitenciaria, as coñecidas como regras Nelson Mandela.

"Levamos 20 meses de pandemia sen un plan de prevención que non sexa limitarse a coartar os dereitos humanos das persoas presas”

Non é a primeira vez que se concentran fronte ao centro penitenciario. En febreiro do ano pasado, xa protestaron contra restricións sanitarias impostas aos presos, como os prolongados illamentos aos que son sometidos os presos despois dos vis a vis, que "están a pór en perigo a saúde mental dos presos, ademais de socavar a finalidade rehabilitadora do encerro".

Nun comunicado, afirman que non só en Teixeiro se están a producir estes "abusos" sobre oss presos, e poñen o foco no cárcere da Lama, no concello homónimo, na que familiares dos reclusos "asistían impotentes á suspensión de dereitos sistemática a arbitraria dos seus seres queridos, de man da súa directora Teresa Delgado".

Revisión das políticas de execución penal

No seu escrito, piden revisar as políticas de execución penal para que cumpran co fin da reinserción, xa que tanto para activistas como familiares "deben favorecer os permisos de saída e as propostas de terceiro grao sen agardar ao cumprimento das tres cuartas partes da condena".

"Levamos 20 meses de pandemia sen un plan de prevención que non sexa limitarse a coartar os dereitos humanos das persoas presas”, avisan as activistas.

Consideran "imprescindíbel" a a inmediata apertura das comunicacións e dos permisos de saída, co obxectivo de "garantir o dereito á saúde integral das persoas presas".

Ademais, reclaman que se investiguen os efectos da pandemia na saúde mental e física dos internos e avisan da "dupla condena" que supón o encerro dos seus familiares xunto con este tipo de medidas, "absolutamente alleas á realidade que a sociedade está a vivir alén dos muros da prisión".