O pasado 31 de decembro, unha avogada e un avogado do Observatorio para a Defensa dos Direitos e Liberdades Esculca -Yolanda Ferreiro e Fernando Blanco- apresentaron unha denuncia nun xulgado de Betanzos ao serlles impedida a comunicación con tres persoas presas por parte de funcionarios do penal de Teixeiro, un episodio que podería constituír unha violación do dereito de defensa dos reclusos tal e como aparece regulado no artigo 537 do Código Penal.
Ao sospeitar que tras a negativa a serlles permitida a visita se puidese achar o infliximento de maos tratos a algunha das persoas presas, Ferreiro e Blanco demandaban na denuncia un recoñecimento forense que permitise estabelecer o seu estado de saúde.
Esculca dá traslado agora do asunto aos grupos da oposición no Parlamento galego e no Congreso.
No Parlamento galego, En Marea, PSdeG e BNG comprometéronse a rexistaren iniciativas visando o compromiso da Administración penitenciaria no respeito do direito fundamental das persoas presas á súa defensa. O parlamentar do BNG Luís Bará expresou o seu desexo de manter unha reunión con representantes Esculca para ter unha información máis pormenorizada deste episodio.
Canto ao Congreso, a parlamentar do PSdeG-PSOE, Rocío de Frutos, comunicou a Esculca a súa intención de apresentar unha pergunta por escrito ao goberno.
Recepción aos directivos de NCG
Esculca deu conta tamén aos grupos parlamentares da recepción tributada aos ex directivos de NCG á súa chegada ao centro penitenciario de A Lama. O observatorio denuncia que, segundo o testemuño de funcionarios do penal, os ex executivos das caixas foron recibidos polo director da cadea, a subdirectora da Xunta de Tratamento e o responsábel de Seguridade.
O Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades agarda que a oposición se interese por saber se este "protocolo de recepción" ten sido aplicado no pasado a outras persoas no momento da súa entrada en prisión ou nos achamos perante unha "innovación introducida recentemente".