Unha traballadora de Celanova que debía reincorporarse á residencia dá positivo no 2º test, que o Sergas eliminara.

Un operario co traxe de desinfeccion na Residencia de ancianos San Carlos de Celanova (Rosa Veiga/Europa Press).

Denúnciao o BNG desta localidade, que pide que se revise o protocolo e esixe a intervención da residencia por parte de Sanidade.

BNG de Celanova denuncia que unha das traballadoras da Residencia San Carlos de Celanova que debía reincorporarse esta segunda feira ao traballo após pasar tres semanas en corentena tras dar positivo nos test que se realizaron no centro entre o 20 e 21 de marzo pasado, deu positivo no segundo test.

O BNG de Celanova explica que o Sergas, “aducindo a un cambio nos protocolos”, eliminara ese segundo test para as 18 traballadoras que estaban de baixa por contaxio de corobavirus desde o 22 de marzo nesta residencia. “O Sergas eliminou en todos os casos ese segundo test, solicitado polos respectivos médicos de cabeceira de cada unha das traballadoras. Non informou nin aos médicos nin ás traballadoras”. 

Mais o Servizo galego de Saúde, afirman as nacionalistas, non identificou como traballadora da San Carlos a esta muller (da subcontrata de cociña) á que esta segunda feira lle informou o seu médico do positivo.

O Bloque asegura que após se coñecer este positivo, “o Sergas anulou as altas e rectificou anunciando ás traballadoras que si serán sometidas a unha segunda proba”.

"Pedimos non só que se anulen as reincorporacións de traballadoras e que se realicen tes a todas as trabaladoras que estaban en corentena por teren sufrido o contaxio, eximos ademais que se fagan os test a todos os residentes da San Carlos que até hoxe só foron sometidos a unha proba, e que se fagan as probas a todas as traballadoras que actualemente atenden o centro, tanto ás novas como ás veteranas", explica Leopoldo Rodríguez, portavoz do BNG Celanova.

O portavoz do BNG tamén subliña que na San Carlos conviven casos de COVID-19 con residentes non contaxiados e reitera a exixencia da intervención da residencia por parte da Xunta.