Especial 'Radiografía da sanidade, un ano de pandemia'

Sobre pandemias e matemáticas

Iván Area.

Publicamos un extracto da análise de Iván Area, Profesor da Universidade de Vigo. Departamento de Matemática Aplicada II. Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. A análise fai parte do suplemento especial do Sermos Galiza sobre un ano de pandemia. Un especial de 56 páxinas, que acompañará o xornal o 13 de marzo.

Era o 11 de marzo de 2020. O Dr. Tedros Adhanom Ghebreyesus, director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), daba unha rolda de prensa para, á vista dos datos existentes naquela altura, explicar distintas razóns e motivos para declarar a Covid-19 como unha pandemia a nivel mundial. Os números ofrecidos semellan “ridículos” a día de hoxe: 118.000 casos en 114 países e 4.291 persoas falecidas. No momento de escribir estas liñas van xa máis de 110 millóns de persoas contaxiadas e de 2,5 millóns de persoas falecidas, segundo os datos publicados pola Organización Mundial da Saúde consonte os remitidos polos distintos Estados.

Dous meses antes o entón estudante de tese Faïçal Ndaïrou xa nos advertira desta nova doenza e así comezamos a nosa investigación. Por dous motivos ben distintos lembro perfectamente cando en febreiro de 2020 fun a Aveiro para traballar con Faïçal e o Profesor Delfim Torres para rematar o modelo matemático. Por unha banda, porque foi a última (esperemos que non derradeira) visita de investigación que fixen. En segundo lugar, porque días antes tiveramos o profesor Juan José Nieto máis eu a idea de incorporar unha conxectura matemática: había persoas superpropagadoras. Foron días moi intensos de traballo científico para desenvolver un modelo de tipo compartimental que permitía explicar con bastante exactitude a súa evolución en Wuhan. Era unha simple conxectura matemática como outras moitas que xa tiveramos no pasado, e cada día que pasa confírmase máis aínda o correcto da nosa conxectura.

A idea deste tipo de modelos matemáticos é considerar que temos unha poboación determinada que é posible dividir en distintos compartimentos. Podemos imaxinar cada un destes compartimentos como unha caixa ou un cuarto cun número de persoas dentro. E as persoas van cambiando de cuarto ou caixa a determinadas velocidades. Por exemplo, podemos considerar un compartimento para as persoas “Susceptibles” de padecer unha determinada enfermidade, outro compartimento para as persoas “Expostas” a esa enfermidade, outro para as persoas “Infectadas” e outro máis para as persoas “Recuperadas”. Isto sería un modelo SEIR, onde cada unha das letras corresponde ás caixas que fomos enumerando. Obviamente é posible considerar moitos outros compartimentos, o que dificulta tanto a análise matemática do modelo como a parte das simulacións numéricas. Para doenzas ben coñecidas xa se sabe de valores moi aproximados para as ditas velocidades coas que a poboación vai cambiando dun compartimento a outro. Non era o caso da Covid-19, para o que empregamos algúns valores de referencia da medicina, estimando os que non atopabamos na literatura.

A análise ao completo poderás lela este sábado no Sermos Galiza Especial 'Radiografía da sanidade, un ano de pandemia'.

Se non es asinante, reserva o teu exemplar no quiosque para non ficar sen el. Lembra que podes facerte subscritora ou subscritor nesta ligazón, e mesmo podes apoiar o medio sen se te facer asinante, na opción de mecenas ou amizade.