Especial 'Radiografía da sanidade, un ano de pandemia'

Pandemia e saúde mental: un ano despois

Iria Veiga

Publicamos a seguir o extracto da análise de Iria Veiga, médica psiquiatra no Sergas e  interesada na divulgación científica, que fai parte do suplemento especial do Sermos Galiza, de 56 páxinas, que acompañará o xornal o 13 de marzo por 3 euros.

Que é o que sabemos sobre as repercusións da pandemia na saúde mental? A Organización Mundial da Saúde (OMS) no seu informe publicado en outubro constata que a atención psicolóxica e psiquiátrica de case todos os sistemas sanitarios sufriu fortes perturbacións neste último ano.

Para as persoas que nos dedicamos á ciencia e nos interesa especialmente como funciona en tanto método de descrición e explicación da realidade material, vivir esta terrible época de pandemia foi unha oportunidade para observar o seu funcionamento. O máis obvio é a obtención dunha vacina en tempo récord e practicamente baixo o escrutinio da opinión pública. Ideas como as diferentes fases dun estudo, dobre cego ou grupo control pasaron de súpeto de ser propios de áreas especializadas a ser de dominio público. Eu penso que isto é bo. Creo que canto maior sexa o coñecemento popular sobre o funcionamento dos procesos que teñen que ver coa ciencia, maior será a nosa independencia e madurez como sociedade altamente tecnificada que somos. Dependemos enormemente da ciencia e da tecnoloxía, así que debemos coñecela para poder aproveitar o seu enorme potencial. Tamén creo que as ideas negacionistas ou de suspicacia ante o progreso científico, como poden ser as posturas antivacinas ou as que cuestionan o cambio climático, diminuirían aumentando o coñecemento xeral da ciencia.

Por outra banda, a pandemia tamén agravou e puxo de relevo aspectos negativos sobre como se constrúe o coñecemento. Especificamente, o problema que xa existía en canto á publicación de artigos en revistas científicas e a cualificación de profesionais a través deles fíxose aínda máis evidente e alarmante. O xeito no que se avalía ás persoas que se dedican á investigación xera dinámicas perversas debido a que esta se fai en función do factor de impacto das revistas nas que publican o seu traballo, que xera dinámicas perversas. Os autores rematan pagando por publicar e as revistas selecciónanos en función non da calidade do traballo, senón do impacto previo. As bolsas e as partidas orzamentarias asígnanse baseándose nestes mesmos criterios e sen elas é case imposible acceder a revistas de elevado impacto. Créase así un círculo vicioso do que é imposible escapar e que condiciona a calidade das investigacións. Moitos científicos evitan embarcarse en proxectos de maior calado pero a máis longo prazo, porque están atados á necesidade de publicar moito e axiña, independentemente da calidade.

Coa pandemia, case calquera artigo que incluíse a palabra “coronavirus” tiña elevadas posibilidades de ser publicado, sobre todo se procedía dun grupo solvente. Pero ao mesmo tempo non parecía posible que ningún conxunto de datos se xerase a tal velocidade, practicamente sobre a marcha. No eido da psiquiatría e da psicoloxía estaban saíndo publicacións presuntamente científicas sobre o impacto da pandemia na saúde mental en datas tan precoces como marzo de 2020.

A análise ao completo poderás lela este sábado no Sermos Galiza Especial 'Radiografía da sanidade, un ano de pandemia'

Se non es asinante, reserva o teu exemplar no quiosque para non ficar sen el. Lembra que podes facerte subscritora ou subscritor nesta ligazón, e mesmo podes apoiar o medio sen se te facer asinante, na opción de mecenas ou amizade.