Especial 'Radiografía da sanidade, un ano de pandemia'

A pandemia da Covid-19 como unha oportunidade de mellora para a saúde pública

Juan Gestal
Publicamos un extracto da análise de Juan Jesús Gestal Otero, Profesor Emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC. A análise fai parte do suplemento especial do Sermos Galiza sobre un ano de pandemia. Un especial de 56 páxinas, que acompañará o xornal o 13 de marzo.

Os grandes cambios postos en marcha a partir dos anos setenta do pasado século supuxeron a modernización do sistema sanitario, mais hai lugar para a mellora se se aproveitasen os servizos de Medicina Preventiva como base para desenvolver a necesaria descentralización da sanidade e a súa integración nas áreas de saúde.

O problema da Covid-19 non se veu vir, pensouse que o ocorrido na China non ía pasar aquí, nin mesmo cando se afectou Italia. Dicíase nunha avaliación de risco do 31 de xaneiro que “... podería chegar algún caso, ao que o noso Sistema Nacional de Saúde, un dos mellores do mundo, lle faría fronte facilmente,...”. Tampouco se prestaron oídos ás repetidas indicacións do director xeral da OMS, que chamaba os Estados a se preparar, dotándose de cantidades adecuadas de equipos de protección persoal, de respiradores e de test PCR. Nada diso se fixo. Estábase noutras cousas, e mentres a enfermidade ía difundíndose, nun país no que se seguían celebrando actos multitudinarios como as manifestacións, actos políticos e partidos de fútbol.

Cando se actuou, chegouse tarde, a enfermidade, que ten un crecemento exponencial, xa estoupara e estaba enchendo a gran velocidade as plantas e UCI dos hospitais ata saturalas. Entón comezouse a ver que non había respiradores, nin equipos de protección individual (EPI), nin persoal suficiente, que se xubilara aos 65 anos e non se repuxera por mor da economía. Tiveron que habilitarse hospitais de urxencia e instalacións como o Palacio de Xeo de Madrid para acoller os miles de falecidos. Caían dous avións ao día. Foi un auténtico tsunami que nos pasou por riba. Ata o 10 de maio, no Estado español, cunha poboación de 47 millóns, producíronse 250.273 casos e 20.534 defuncións con diagnóstico confirmado por PCR, recoñecidas polo Goberno, se ben a cifra real duplícaas. Segundo o Instituto Nacional de Estatística, desde o 10 de marzo ata o 9 de maio produciuse un exceso de mortalidade de 44.593 defuncións, a maioría sen dúbida debidas á Covid-19.

A análise ao completo poderás lela este sábado no Sermos Galiza Especial 'Radiografía da sanidade, un ano de pandemia'.

Se non es asinante, reserva o teu exemplar no quiosque para non ficar sen el. Lembra que podes facerte subscritora ou subscritor nesta ligazón, e mesmo podes apoiar o medio sen se te facer asinante, na opción de mecenas ou amizade.