A pandemia apuntala as casas vacacionais

Unha peregrina camiña por Arzúa no mes de xullo de 2020 (Imaxe: Arxina).
Os rebrotes detectados en todo o Estado, tamén na Galiza, marcan un verán con moitas reservas canceladas. O medo a un contaxio por coronavirus leva a turistas e locais a optar polo alugueiro de casas ou pisos vacacionais nestes meses de estío. Vicendascon xardín ou piscina, nas que pasar os días de descanso coa familia ou as amizades. Pola contra, hoteis ou albergues albiscan un verán difícil, con moitos ocos en branco no calendario. 

Bailes de datas, reservas que se transforman en cancelacións, con cuartos que fican baleiros. Os focos de coronavirus detectados na Galiza, especialmente o da Mariña, sumados aos que abrollaron no resto do territorio Estatal converteron o verán "nun caos", en palabras do profesional dunha inmobiliaria orientada ao turismo.

Con todo, son estes negocios os que conseguen as taxas de ocupación máis altas, fronte a hoteis e aloxamentos convencionais que, a estas alturas do verán, continúan con grandes espazos en branco nos seus calendarios. 

Sen pegada do Camiño

Durante as semanas do confinamento, o portal da Oficina Peregrino ficou conxelado nas cero chegadas. Desde que se levantou o estado de alarma e o fechamento das fronteiras, coa reapertura dalgúns dos albergues da rede pública e da privada, os números comezan a elevarse paseniño. As 355 persoas que onte camiñaron até Compostela dan fe dos efectos da Covid-19 nas rutas xacobeas, que a Xunta sinalou nestes meses como o motor e esperanza do sector.

Porén, a distancia a respecto do pasado ano é evidente. Máis de 50.000 peregrinas e peregrinos camiñaron até Compostela naquel xullo da vella normalidade. E aínda que as e os camiñantes volvan saír de ruta, a súa presenza na cidade non se traduce nun aumento das reservas en hostais, albergues ou restaurantes. Son os pisos turísticos ou as casas turísticas a aposta.

A presidenta da Asociación de Hostalaría da comarca, Sara Santos, comparte o seu pesimismo a respecto da tempada de verán. Ante o medo ao contaxio, apunta, son numerosas as persoas que optan polo alugueiro. "Casas con piscina, nos arredores da cidade, non queda ningunha libre", di en declaracións a Nós Diario.

A rede de albergues privados, que abriu as súas portas ao 75% da súa ocupación, tamén acusa a competencia dos pisos e apartamentos turísticos nas vilas polas que pasan as rutas xacobeas. "Nas áreas rurais non é tan común, aínda que neses casos hai quen opta polas casas de turismo rural, pero nas zonas urbanas é onde máis se nota", explica o presidente da Asociación Galega de Albergues Privados (Agalber), Miguel Ángel Rodríguez.

O colectivo engloba arredor de cen estabelecementos, un de cada tres dos que operan na Galiza. Rodríguez apunta que parte dos seus compañeiros e compañeiras optaron por permaneceren fechados. "Outros arrepíntense de teren aberto e pensan en volver fechar", salienta, concretando que sobre 70% dos albergues están hoxe abertos. 

Medo aos rebrotes

Na propia Compostela a ocupación é moi baixa. "Algún hotel grande con grupos sobe a media, pero o certo é que as reservas son moi poucas, mentres que as cancelacións son moi elevadas", explica Santos. Co brote da comarca da Mariña, aumentou quen chamou para anular a súa reserva. Non só na propia comarca, explica quen tamén forma parte da directiva do Clúster de Turismo da Galiza, senón tamén en Compostela ou nas Rías Baixas. "Nas noticias fálase dun brote na Galiza e moita xente non sabe situar a Mariña", di Santos. 

O certo é que as reservas son moi poucas, mentres que as cancelacións son moi elevadas, di Sara Santos

"Estamos tremendo porque, á luz do que acontece na Mariña, hai quen volve recuar", agrega Francisco Almuíña, presidente da Asociación Profesional Ribeira Sacra, quen lamenta a situación da poboación da comarca. "O outro día falei cunha hostaleira que me explicou que asinara dúas facturas antes do fechamento, seguramente as únicas de todo o ano", salienta. 

Nos camiños tamén se notou, sobre todo no do Norte e mais no Primitivo, di Miguel Ángel Rodríguez. "Nos camiños tamén se notou, sobre todo no do Norte e mais no Primitivo, mentres que o Inglés, próximo á costa, e o Portugués, con moi boas conexións internacionais grazas a Porto, contan con máis camiñantes", di Miguel Ángel Rodríguez.

Na Ribeira Sacra, a chegada de visitantes tamén aumenta paulatinamente. As primeiras casas alugáronas galegas e galegos con ganas de desconectar do seu día a día e reencontrarse con familia ou amizades. "As casas de alugueiro completo teñen un índice de reservas máis alto, mentres que nas de turismo rural, que alugamos por cuartos, aínda temos ocos", explica Almuíña.

As casas de alugueiro completo teñen un índice de reservas máis alto, explica Almuíña

O pasado ano, quen visitaba a comarca durmía dúas noites e montaba no coche para continuar a visita, agora son moitas as persoas que optan por estadías máis longas e menos desprazamentos. Almuíña pensa que quen chega á Ribeira Sacra procura conectar de novo coa natureza. "Sobre todo quen viviu o confinamento nun piso", apunta, valorando que "as rutas entre as viñas ou os soutos, sen apenas compañía" seguramente animen a escoller esta área.

Porén, o presidente da Asociación Profesional Ribeira Sacra lembra que, se ben as áreas rurais da Galiza poden semellar atractivas pola dispersión de poboación e o baixo índice de contaxios, "non hai que esquecer que aquí viven persoas maiores e de risco e que é necesario respectalas". As e os profesionais, recalca, traballaron moito nestes meses para prepararse e confían na resposta das e dos turistas. Que, engade, "está a ser moi positiva en xeral". 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir do sábado, día 17, nos quiosques ou na nube]