Ana González, responsábel de Casa Lourán: "Non chega con ter a actividade económica rendíbel no rural se non tes servizos para vivir nel"

Ana Gonzalez, responsábel de Casa Lourán (Cristina Iglesias)

Recuperar e continuar son dous verbos que souberon adaptar moi ben na familia de Ana González cando iniciaron o proxecto de turismo rural Casa Lourán. Unha visión de futuro que transcendeu a granxa gandeira e formulou a nova vida dunha casa restaurada. Todo nunha contorna marabillosa como a do Parque Natural das Fragas do Eume, motor económico da zona. Aínda así falta moito para que estas e outras experiencias asenten a súa poboación. Un primeiro paso sería contar cos servizos necesarios como teñen outras zonas do país. 

Cal é a historia de Casa Lourán?

Levamos abertos 20 anos. Nace  dos proxectos de turismo rural na zona cando se declara parque natural as Fragas do Eume. Aquí non sabíamos o que era o turismo nin pensabamos en ser unha zona turística. Era a casa familiar que estaba en estado de abandono. Somos unha familia de aldea, sempre co traballo ligado á terra, gandeiros e unha pequena queixaría. Meus país decidíronse a recuperar este conxunto. Foi pensada como unha actividade económica que complementase un pouco a actividade agraria.

A día de hoxe, as cousas cambiaron e a casa rural para min é a actividade única, vivo do turismo e a granxa pasou a meu irmán. Lembro daquela que dicían que estabamos tolos... quen viría a durmir aquí? Era a infravaloración que tiñamos do territorio. As fragas eran un sustento económico importante mais logo perderon utilidade e valor. Iso mudou co parque natural.

O turismo rural facilita o asentamento no territorio?

No meu caso eu tiña un traballo na cidade e nun momento da miña vida optei por vir vivir aquí, era un negocio rendíbel. Para min isto é  a miña casa, teño o meu círculo e sei o que é a vida na aldea. Agora, moitas veces este tipo de estabelecementos quen os bota a andar é xente de fóra do territorio. No municipio de Monfero creo que somos os únicos que estamos asentados aquí. Normalmente o que se dá é o fenómeno de xente urbana que vén á aldea e monta o negocio. Sería positivo se esa actividade económica fixera que viñese a xente vivir aquí.

O que nos atopamos é que hai xente que ten unha actividade económica no rural, rendíbel, mais non vive aquí. Non chega con ter unha actividade económica rendíbel no rural se non tes servizos para vivir nel. A xente continúa a vivir nas cidades, vai e vén. Está pasando con granxas gandeiras. Familias que marchan por non ter escola infantil ou transporte. Así é moi difícil asentar poboación. Aquí hai casas que se xestionan mesmo desde fóra da Galiza.

No meu caso funcionou por unhas circunstancias familiares particulares e por afacerme aos desprazamentos en coche. Sen el non podes facer nada. Mentres non se dote o rural de servizos...

As casas de turismo rural venden algo máis que hospedaxe? 

O que vendes é o que tes e nos temos unha casa mais tamén unha paisaxe, un territorio, unha cultura, unha lingua,... os produtos da granxa, da horta e unha tradición familiar gandeira. Aquí criáronse xeracións de persoas e animais e é o que queres transmitir. Eu quero ir máis alá do concepto de hotel no medio rural, a miña idea é a casa de aldea.  

Ao rematar o estado de alarma transmitiuse que o turismo iría ao rural. Foi así?

Eu tamén escoitei o mesmo mais a verdade é que agora teño unha ocupación moito máis baixa que outros anos. No verán a maior parte das persoas que veñen a esta casa son de fóra da Galiza, nunha gran parte proceden de Catalunya ou de Madrid, e agora non veñen. Tiven cancelacións por culpa do foco de contaxios na Mariña.

Aínda que queda lonxe de aquí, está a afectar toda Galiza e moito turismo marcha cara a Asturies polas alarmantes informacións que chegan. Hai incerteza tamén pola actual  situación económica. As galegas e galegos prefiren outras épocas do ano e agora hai moitas visitas ás Fragas do Eune mais, son de excursións que non superan a xornada.