Pagar por asentar o nacemento das crianzas?

Libros no estante dun rexistro civil [Imaxe: SG]
O goberno español recoñece nun comunicado de imprensa que está a preparar a reforma dos Rexistros civís pola cal este servizo público pasará a mans de rexistrador@s da propiedade, área á cal pertence Mariano Rajoy. A denuncia partiu do colectivo de profesionais Jueces para la Democracia, que alertan de máis un "ataque contra a administración de xustiza como servizo público, prexudicando a maioría da poboación e beneficiando rexistradores e notarios"


O goberno español planea substituír os e as xuizas do rexistro civil por rexistrador@s da propiedade, área da función pública á cal pertence o líder do PP, Mariano Rajoy, aínda que leva máis de vinte anos de excedencia.

A información partiu do ministerio de Xustiza mediante nota de imprensa após unha denuncia do colectivo Jueces para la Democracia, que denunciou "a intensa privatización do rexistro civil prexudicando a maioría da poboación e beneficiando rexistradores e notarios" pois, segundo sinalaron, está prevista unha inversión de 128 millóns nestas oficinas.

Confirmou o departamento que dirixe Alberto Ruiz-Gallardón que está a tecer o anteproxecto de Lei para reformar os rexistros, e alertaron en Jueces para la Democracia que "deixará de ser un servizo público e pasará a depender dos rexistradores da propiedade e dos rexistradores mercantís", fronte á situación actual, cando se financia cos impostos da cidadanía e non existe re-pagamento polos servizos que nel se prestan.

De saír adiante estoutra reforma de Gallardón haberá que pagar unha taxa para obter un certificado de nacemento, de defunción ou para casar polo civil, caso este último en que o tributo o cobrarán nas notarías. "O esforzo do goberno por desmantelar o público chega nestes casos a solucións extravagantes", subliña o colectivo de profesionais da xustiza, que denominan "contraditorio" destinar 128 millóns á modernización e informatización dos rexistros civís para os deixar agora en mans privadas "con fins lucrativos para os seus xestores".

Jueces para la Democracia situou esta nova medida anunciada polo PP na liña das taxas xudiciais, "un ataque á administración de xustiza como servizo público" e vaticinaron que "nun contexto de crecente pobreza e exclusión social" as persoas rematarán por non inscribiren as crianzas ao non poderen pagar os tributos fixados.