As cifras da 'sangría' demográfica na Galiza: 100.000 habitantes menos na última década

Varias persoas agardan no mostrador de facturación do aeroporto Rosalía de Castro de Compostela (Foto: Europa Press).
Os datos do padrón definitivo de 2021 que vén de presentar o INE evidencian o envellecemento da poboación galega nos últimos anos, así como unha caída no número de residentes practicamente incesante desde 2010.

O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou na mañá desta segunda feira os datos definitivos do padrón de habitantes, que confirma a caída da Galiza por baixo dos 2,7 millóns de habitantes a 1 de xaneiro de 2021, cun total de 2.695.645 (6.174 menos que no mesmo intre de 2020, un descenso de 0,2%).

No conxunto do Estado perdéronse 65.688 persoas empadroadas, isto é, 0,14% menos que o ano anterior. De feito, só seis territorios experimentan unha repunta a nivel poboacional en 2021. A Galiza é o sexto que máis residentes perdeu en números totais, nunha clasificación que lidera Madrid con 28.637 persoas menos.

Cómpre salientar, así mesmo, que a meirande parte dos concellos do país —221 de 313— teñen entre un milleiro e 10.000 habitantes. Ao tempo, hai 37 municipios con menos de 1.000 persoas, e outros 48, pola contra, con entre 10.000 e 50.000 residentes, á marxe das sete cidades.

Envellecemento poboacional

Os datos máis recentes do INE evidencian o envellecemento da poboación galega. A 1 de xaneiro de 2021 perdéronse habitantes nas franxas de idade de 0 a 4 anos, de 5 a 9 e de 10 a 14 (até 11.724 persoas menos). Pola contra, medrou a poboación nos sectores de idade máis avanzada: de 85 a 89 anos, de 90 a 94, de 95 a 99 e máis de 100 (4.119 máis que en 2020).

Deste modo despréndese que a comezos do pasado ano unha de cada catro galegas e galegos —25,7%— estaba xa na idade de xubilación, isto é, tiña 65 anos ou máis. No extremo contrario fican as mozas e mozos menores de 30 anos, que só representan 24,2% do conxunto da poboación da Galiza.

Atendendo á evolución histórica desde 1998 —primeiro ano desta serie estatística—, o envellecemento da sociedade galega, que perdeu 28.899 habitantes neste período, resulta evidente.

Desde 2010, aliás, a 'sangría' demográfica é máis palmaria: naquela altura a Galiza contaba con 2.797.653 residentes, a cifra máis elevada de toda a serie histórica. Desde entón o censo experimentou unha caída constante agás a comezos de 2020, cando volveu situarse, mais só de forma temporal, por riba dos 2,7 millóns de habitantes.