“Os pacientes están amoreados nos corredores”, denuncia persoal de Urxencias do CHUAC coruñés

A Comisión de Centro fala de “situación caótica” mas unidades de hospitalización e do seu servizo de Urxencias do hospital coruñés e advirte da “presión asistencial” que teñen que soportar os profesionais.

Menos de 24 horas despois de que Feixoo describise na súa comparecencia na comisión parlamentar de sanidade unha situación sanitaria case que inmellorábel e na que apenas había problemas puntuais, a Comisión de centro do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) vén botar unha xerra de realidade ao discurso do presidente. A comisión fala de “caótica situación das unidades de hospitalización e do seu servizo de Urxencias”. Unha denuncia que se suma á feita nestas semanas desde outros complexos hospitalarios, como o CHUS compostelán.

 

O hospital da Coruña “ten falta de camas todo o ano, como o proba o feito que en moitas unidades do hospital xa está “normalizado” introducir unha terceira cama en habitacións habilitadas como dobres”, explican desde a Comisión de Centro.  Os profesionais alertan das consecuencias desta sobreocupación: perda de calidade e de seguridade na asistencia que reciben os pacientes, grande sobrecarga e estrés dos profesionais que teñen que atender moitos máis pacientes co mesmo persoal e recursos, riscos para a seguridade…

 

“A presión asistencial que soportan os profesionais é elevadísima, preocúpalle ao conselleiro? Non. Se non lle importan os doentes, pouco lle importamos os profesionais

 

O incremento da demanda non é un feito puntual, lermbran, é unha realidade epidemiolóxica, cando menos, nos meses do período invernal. “Non é algo imprevisto para ninguén, tampouco para a Xerencia e para o conselleiro de Sanidade” malia o calque non tomaron medidas “xa que non se fixo nada para evitar o colapso hospitalario”.

 

“A presión asistencial que soportan os profesionais é elevadísima, preocúpalle ao conselleiro? Non. Se non lle importan os doentes, pouco lle importamos os profesionais. Preocúpanlle os custes na calidade e dignidade da asistencia sanitaria que reciben os e as pacientes? Non. Parece que só preocupa o custo económico; o reforzo de persoal tanto nas unidades hospitalarias con sobreocupación como no propio servizo de urxencias ou non existe ou se regatea ao máximo”.

 

Este órgano do persoal exixe o reforzo inmediato, "sen regateos miserables", de todas as unidades hospitalarias e do servizo de urxencias.