Menos de 24 horas despois de que Feixoo describise na súa comparecencia na comisión parlamentar de sanidade unha situación sanitaria case que inmellorábel e na que apenas había problemas puntuais, a Comisión de centro do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) vén botar unha xerra de realidade ao discurso do presidente. A comisión fala de “caótica situación das unidades de hospitalización e do seu servizo de Urxencias”. Unha denuncia que se suma á feita nestas semanas desde outros complexos hospitalarios, como o CHUS compostelán.
O hospital da Coruña “ten falta de camas todo o ano, como o proba o feito que en moitas unidades do hospital xa está “normalizado” introducir unha terceira cama en habitacións habilitadas como dobres”, explican desde a Comisión de Centro. Os profesionais alertan das consecuencias desta sobreocupación: perda de calidade e de seguridade na asistencia que reciben os pacientes, grande sobrecarga e estrés dos profesionais que teñen que atender moitos máis pacientes co mesmo persoal e recursos, riscos para a seguridade…
“A presión asistencial que soportan os profesionais é elevadísima, preocúpalle ao conselleiro? Non. Se non lle importan os doentes, pouco lle importamos os profesionais
O incremento da demanda non é un feito puntual, lermbran, é unha realidade epidemiolóxica, cando menos, nos meses do período invernal. “Non é algo imprevisto para ninguén, tampouco para a Xerencia e para o conselleiro de Sanidade” malia o calque non tomaron medidas “xa que non se fixo nada para evitar o colapso hospitalario”.
“A presión asistencial que soportan os profesionais é elevadísima, preocúpalle ao conselleiro? Non. Se non lle importan os doentes, pouco lle importamos os profesionais. Preocúpanlle os custes na calidade e dignidade da asistencia sanitaria que reciben os e as pacientes? Non. Parece que só preocupa o custo económico; o reforzo de persoal tanto nas unidades hospitalarias con sobreocupación como no propio servizo de urxencias ou non existe ou se regatea ao máximo”.
Este órgano do persoal exixe o reforzo inmediato, "sen regateos miserables", de todas as unidades hospitalarias e do servizo de urxencias.