Persoal dos PACs concéntrase mentres se pon o ramo á comisión de investigación

Un momento da protesta

A plataforma PACS en pé de Guerra concentrouse esta cuarta feira 16 de xaneiro perante o Parlamento de Galiza en protesta contra a falta de recursos humanos e materiais e demandando melloras no seu labor asistencial. A protesta coincide coa fin da Comisión de Investigación no Parlamento pola morte dun paciente no PAC da Estrada.

 

"Estamos aquí porque hoxe se dá por finalizada a Comisión de Investigación pola morte da Estrada e remata cunha comparecencia do señor Núñez Feixoo. Levamos un ano reivindicando o que cremos que son dereitos perdidos" explica a Sermos Galiza Ana Boedo, representante dos PACS en pé de Guerra.

 

Recentemente a Xunta vén xustificando os recorrentes e acusados problemas aos que se enfrontan os PACs co argumento da falta de persoal médico. Dende o colectivo contestan que isto se debe unicamente a unha "mala xestión" e que as condicións laborais que se ofrecen son precarias. Así, din, "se eu fago horas pola falta de persoal e ao final do ano non mas pagan pois non vou querer facer máis horas". Convidan igualmente a Consellaría de Sanidade a que "reflexionen" porque non son capaces de atraer un maior número de facultativos.

 

Entre as demandas deste colectivo está a presenza dun equipo completo de persoal sanitario en todos os PACs, a recuperación dos complementos salariais paralizados pola crise, que abonen comidas e ceas nas gardas de 24 horas, que as reunións de traballo fagan parte do horario e que non se desconten as horas de baixa por enfermidade propia ou dun familiar.