Pacientes con epilepsia alertan de "atrasos e faltas de citación" no Sergas

Un centro de saúde (Foto: Europa Press).
"Temos coñecemento de que pacientes suxeitos a cambios de medicación non teñen acceso aos propios medicamentos até tres meses despois, sen data, para poder axustar o tratamento", asegura a A Unión Galega de Epilepsia.

A Unión Galega de Epilepsia (Ugade), que representa pacientes desta patoloxía e as súas familias, denunciou os "atrasos e faltas de citación" nos distintos servizos de Neuroloxía do Servizo Galego de Saúde (Sergas), pero máis en particular en Santiago de Compostela.

Este colectivo está "a recibir reiteradas queixas" dado que esta situación provoca que os doentes teñan que asistir a Urxencias por reiteradas crises, "sen citas posteriores".

Aínda que cita o caso da Unidade de Epilepsia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), a Unión subliña que é "a tónica xeral" en todas as áreas sanitarias.

"Temos coñecemento de que pacientes suxeitos a cambios de medicación non teñen acceso aos propios medicamentos até tres meses despois, sen data, para poder axustar o tratamento", asegura Ugade.

Sen cita

Esta asociación cita o caso de persoas a quen se lles cambiou o fármaco no mes de xuño (cara a outro tratamento "relativamente novo"), saíron da consulta "sen cita" e "con indicacións de que lle comunicarán novidades por medios telemáticos ou telefónicos para o mes de novembro", pero "a día de hoxe seguen sen ela".

Ante este "desamparo", que tanto pacientes como os seus familiares "sofren", Ugade xa presentou unha queixa formal perante a Xerencia da área de Santiago-Barbanza a mediados de decembro, ante a cal aínda non recibiron "resposta algunha".

Neste contexto, o colectivo vese "na obriga de facer pública esta situación para que a cidadanía sexa coñecedora do problema".