Sanidade pública

Pacientes critican a "ocultación das cifras reais" das listas de agarda

Enfermeira no quirófano (Ariadna Creus e Àngel García/Banc d'Imatges Infermeres).
A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (Agdsp) denuncia que a Xunta "manipula" os datos.

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (Agdsp) denunciou esta sexta feira a "manipulación" e as "trampas" do Servizo Galego de Saúde (Sergas) nos datos das listas de espera coñecidas a semana pasada, que sitúan a Galiza como a segunda autonomía do Estado con menor demora para unha cirurxía, con 66 días de media.

Agdsp expresou a súa sospeita de que "estes datos non están completos", polo que exixe coñecer as listas de espera non estrutural, as que inclúen persoas usuarias que están pendentes de ser atendidas mais que non se atribúen ao Sergas porque son derivadas a outros centros ou á sanidade privada.

A asociación aludiu a estudos realizados na Galiza "sen o consentimento do Sergas" que mostran que as "listas ocultas" teñen "case o mesmo número de pacientes" que as publicadas.

Neste contexto, a Agdsp denuncia que a Xunta da Galiza quere "dar unha nova volta de torca a este engano" ao pretender que "as persoas que estean á espera dunha operación sexan enviadas a hospitais doutras áreas e que quen se negue sexa enviado ás listas ocultas".

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) tamén acusou esta quinta feira o Sergas de "branquear" e "manipular" as listas de espera cirúrxica ao non publicar as non estruturais.

Sen citas en Viveiro

As citacións para algúns médicos no Centro de Saúde de Viveiro (A Mariña) van suspenderse até 2024, segundo denunciou a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña. Este colectivo advertiu da "situación de caos" do ambulatorio que "provocará que moitas persoas queden sen médico de familia e teñan que visitar a algún dos outros profesionais do centro".

Segundo informou a plataforma, isto suporá "unha sobrecarga para o resto do persoal", que terá que asumir os pacientes que quedan sen médico, e afectará as persoas que non poidan pedir unha cita co seu doutor.

Ademais, recalcaron que é unha "situación especialmente grave para a Atención Primaria", posto que unha das súas principais características é "a proximidade e confianza entre profesionais e pacientes".

Amoreamento no CHUS

A pesar dos vídeos que corroboran a denuncia por parte da Asociación de Pacientes sobre o amoreamento de persoas usuarias nos corredores e espazos de traballo do Complexo Hospitalario Universario de Santiago, a Xunta alegou esta sexta feira que os pacientes críticos "non esperan" e que "os tempos asistenciais estanse a cumprir".