Paciente con pneumonía ten que agardar 14 días para unha cita en Atención Primaria

Mobilización do persoal de Atención Primaria o pasado xuño en Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
A usuaria afectada denuncia o desbordamento de Atención Primaria e Urxencias, e acusa os xestores da situación.

A parella de Leticia Martín, unha veciña da Coruña de 43 anos, foi diagnosticada con Covid-19 o pasado 20 de decembro por medio dun autotest. A pesar de dirixir un negocio de hostalaría e non poder facer teletraballo nin respectar a distancia social mínima como indica a normativa, a directriz que recibiu do Servizo Galego de Saúde (Sergas) foi manter o estabelecemento aberto e non facer corentena.

Todo isto sen ter en conta o carácter de conviventes e de ser un contacto “hiperestreito”, sinala Martín. Deixando a un lado a recomendación, decidiu illarse e fechar temporalmente o bar, sostendo que consideraba un risco esaxerado a súa presenza tendo en conta que é a encargada de preparar o xantar e atender a clientela nun espazo onde moita xente quita a máscara.

Malia que os primeiros días non padeceu síntomas da infección, o 24 comezou a sentir a afección, o que foi confirmado cun test de antíxenos ese mesmo día no Centro de Saúde San Xosé (A Coruña), onde se atopa a súa profesional de cabeceira, e días despois por unha PCR no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac).

Tras uns días con moita tose, febre, e perder o olfacto, os síntomas foron remitindo até que o 3 de xaneiro, despois da corentena, confirmou que non tiña coronavirus, polo que lle dan a alta. Non obstante, a tose nunca parou, polo que estivo chamando durante 24 horas ao seu centro médico sen obter resposta.

Xa o 4, decide ir presencialmente ao San Xosé, explica, que lle ofrece unha cita para o 17 de xaneiro, e após debater, bríndanlle a posibilidade de ver a un médico se agarda varias horas.

Unha vez atendida, foi derivada rapidamente ao Chuac, que a través dunha placa descubriu a presenza dunha pneumonía, o que a motivou a presentar unha queixa denunciando a situación e mais unha nota de agradecemento ao persoal da sanidade pública.

Desde esa xornada, salienta que a atención sanitaria redúcese a encher un cuestionario na aplicación do Sergas e a unha chamada diaria dunha enfermeira.

Incluso, ao concertar por vía dixital unha cita en Atención Primaria o 5 de xaneiro, co fin de dar seguimento á enfermidade, a data que se lle brindou foi o 19 de xaneiro, 14 días despois.

Martín láiase do colapso que presenciou no Chuac, apuntando “o movemento constante de doentes en padiolas ou cadeiras de rodas na procura de onde os meter”.

Asemade, reitera o bo trato que recibiu dos profesionais sanitarios, defendendo que “é moi reprochábel que despois de dous anos o protocolo siga sendo igual de inútil e inxusto tanto para persoal médico, de enfermaría ou pacientes”, acusando os xestores do Sergas de non actuar para evitar o desbordamento que sofre Atención Primaria e Urxencias, “cobran moito para facer tan pouco e tan mal”, resolve.

Nese sentido, reclama cambios no protocolo de corentenas para evitar gromos como o que tería provocado de manter o seu estabelecemento aberto.