Ourense: unha partida contra a Covid

O conselleiro de Sanidade, García Comesaña, xunto a José Flores, xerente do Sergas e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán. (Foto: Arxina).
En Ourense fallou a mobilidade e os contaxios de coronavirus seguiron en aumento. Dúas constatacións que levaron aos asesores da Xunta a restrinxir os desprazamentos para evitar medidas máis drásticas fronte a Covid-19.

Desde esta medianoite, a veciñanza de Ourense e Barbadás só pode entrar ou saír dos lindes dos seus concellos por tres razóns: sanitarias, educativas ou laborais. A Xunta da Galiza vén de facer efectivas as medidas administrativas acordadas para a área sanitaria de Ourense despois de atender as recomendacións do comité técnico de expertos que a asesora en materia de prevención e contención do novo coronavirus.

"A taxa de incidencia acumulada tanto a tres, como a sete, e sobre todo, a 14 días, no concello de Ourense, xa estaba por riba dos 400 casos por 100.000 habitantes. O concello de Barbadás estábase achegando a esa cifra. A incidencia era moi similar en ambos os dous municipios e ademais, comprobamos que se estaba dando un incremento da presión asistencial", xustificou Sergio Vázquez, xefe do servizo de Oncoloxía do Hospital Lucus Augusti e membro do comité clínico nunha comparecencia pública a canda o titular de Sanidade, para explicar a situación en na área sanitaria de Ourense.

Así, engadiu, malia non convidar aínda á "intranquilidade", ese aumento progresivo da presión asistencial no contorno da capital das Burgas, entre outros factores, levou os asesores sanitarios da Xunta a recomendar un aumento das restricións.

"Bomba vírica"

"Era o momento de tomar estas medidas, xa que as que se adoptaron até o de agora non estaban conseguindo controlar a expansión do virus", que se propagaba, dixo, como se dunha "bomba vírica se tratase", salientou Sergio Vázquez, "co centro situado nos concellos de Ourense e Barbadás, para estenderse cara ao resto da comarca ourensá e das bisbarras lindeiras".

O comité clínico nin xulga nin castiga.

O comité clínico resolveu unha restrición da mobilidade perimetral que afecta á cidadanía dos dous concellos máis castigados pola Covid-19 na Galiza, que non poden saír do contorno municipal "para evitar o contaxio do virus fóra desa zona" e, ao mesmo tempo, crear un cerco de seguridade para o resto da bisbarra e das comarcas estremeiras.

"Non é un confinamento. É unha restrición da mobilidade nun perímetro determinado, nos concellos de Ourense e Barbadás". Unha limitación asociada a outras medidas de nivel 3, incidiu o asesor do Goberno galego, o que significa que a veciñanza se pode mover dentro do seu municipio, mais "é importante que non saia, salvo por razóns laborais, escolares ou de saúde. E é importante que se cumpran estas recomendacións para evitar que se teñan que tomar medidas máis drásticas".

Partida contra a morte

Neste sentido, a mensaxe do comité clínico de profesionais sanitarios do Sergas ao conxunto da poboación galega, e en particular á de Ourense, foi contundente. "Isto non é un xogo de picaresca, de como escapar das medidas de restrición. É unha partida contra a morte", recalcou José Manuel 'Tato' Vázquez Lima, xefe do servizo de urxencias do Hospital do Salnés e asesor da Xunta. "Respectar esas limitacións permitirá reducir o número de contaxios", do contrario, dixo, a incidencia acumulada aumentará e aumentará o sufrimento, "porque a enfermidade afectará á xente maior".

"O comité clínico nin xulga nin castiga", aclarou Tato Vázquez Lima. "Somos profesionais sanitarios que facemos recomendación baseadas en evidencias científicas que sabemos que dan resultado, porque xa as probamos noutras zonas".

Isto non é un xogo de picaresca nin de como escapar das medidas de restrición. É unha partida contra a morte.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado ademais pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e polo xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Flores, trasladou algunha das cifras e parámetros concretos que manexan os expertos para sinalar a necesidade de aplicar medidas específicas nunha área determinada, neste caso nos concellos de Ourense e Barbadás, mais tamén nas comarcas da contorna, que congregan arredor de 85% da poboación.

Os datos

Segundo confirmou a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, nos últimos tres días, no concello de Ourense detectáronse 138 novos casos, o que devolve unha cifra de 439 casos a 14 días, cunha taxa acumulada por cada 100.000 habitantes de 254,7 nos últimos sete días e de 417,2 nos últimos 14, "entre catro e cinco veces por riba das cifras que se manexan para o conxunto da Galiza", de 107,58 a 14 días -fronte aos 273,69 do conxunto do Estado- e de 52,86 a sete días -fronte á media estatal de 117,96-, informou García Comesaña.

Así mesmo, Durán reportou unha tendencia á alza tamén para o conxunto da comarca ourensá e para os concellos de Barbadás, Verín e O Barco de Valdeorras, incluídas as súas comarcas, con taxas de positividade mais de incidencia acumulada a sete e 14 días que superan en todos os casos a media galega.

As medidas que se impuxeron a semana pasada fallaron no aspecto da mobilidade. A xente moveuse entre concellos, por iso se incorpora esta restrición.

Un ascenso que motivou, aseverou o conselleiro de Sanidade, a adopción de medidas concretas, máis restritivas, para os concellos de Ourense e Barbadás, onde ademais de veren limitada a súa mobilidade perimetral, manteñen as limitacións de nivel 3 que xa estaban vixentes no barrio do Couto. Bares e cafetarías teñen prohibido servir no interior. Só poderán atender nas terrazas grupos de cinco persoas, sempre e cando vivan baixo o mesmo teito. Ao igual que os restaurantes, que si poderán servir no interior, mais un máximo de cinco persoas conviventes.

Fallou a mobilidade

"As medidas que se impuxeron a pasada sexta feira fallaron no aspecto da mobilidade. A xente moveuse entre concellos, por iso se incorpora esta restrición", sinalou García Comesaña, quen informou, ademais, da ampliación "dun anel perimetral arredor da capital para toda a comarca" con limitacións de nivel 2. 

Neste caso destaca a restrición da capacidade ao 50% nos estabelecementos comerciais, de restauración e hostalaría -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros. Estabelécese, ademais, a limitación de 10 persoas, como máximo, nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública; así como a redución da capacidade  en celebracións, velorios e lugares de culto.

Quedan prohibidas as reunións de non convivintes na comarca do carballiño e nos concellos de Verín e o Barco.

As mesmas normas coas que contan desde esta medianoite os concellos das bisbarras do Carballiño, O Ribeiro, Allariz, Verín e Valdeorras; cun engadido para toda a comarca do Carballiño e para os municipios de Verín e O Barco, onde quedan prohibidas, tamén, as reunións de persoas que non convivan.

A evolución dos datos precipitou a adopción destas medidas, "co obxectivo de conter coa máxima intensidade posíbel e anticipación a evolución dos contaxios na comarca", detallou García Comesaña, "especialmente nos concellos de Ourense e Barbadás" con taxas de incidencia acumuladas "preocupantes".

O conselleiro se Sanidade lembrou que medidas semellantes xa se adoptaron o pasado mes de xullo na Mariña -non así na Coruña- "cun resultado óptimo para conter a tendencia ascendente de contaxios", o que lle permitiu a García Comesaña volver defender a "compoñente técnica" e a "coherencia" dos parámetros que manexa o comité asesor da Xunta desde xuño.

Proporcionalidade

Tato Vázquez Lima asegurou que traballan con perto de 40 indicadores en tres esferas distintas: epidemiolóxica, rastrexos e contactos e sistema sanitario, un modelo que tamén atende a datos cualitativos, como o perfil de idade ou os grupos de poboación, un factor que no caso de Ourense foi decisivo, dado o perfil dos casos de Covid-19 activos na cidade, orixinados "fundamentalmente no ámbito das xuntanzas familiares de non conviventes".

Así, o conselleiro de Sanidade reivindicou a experiencia da Xunta fronte aos criterios do Ministerio de Sanidade e defendeu a proporcionalidade das medidas administrativas adoptadas que os expertos revisarán nunha semana e das que Comesaña espera resultados antes de "18 días", o tempo estimado para que a Covid-19 comece a "reverter".

Ourense activa o plan de continxencia 

Na Galiza hai 4.068 casos activos de Covid-19 segundo os últimos datos facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade, avanzados polo seu titular, Julio García Comesaña. Do total de pacientes positivos, 34 permanecen ingresados en unidades de críticos -0,8%-, 185 en unidades de hospitalización convencional -4,9%- e 3.849 en recupéranse no seu domicilio baixo seguimento médico. 

O plan de continxencia obriga a avaliar, a diario, tanto a capacidade asistencial dos tres hospitais como a actividade cirúrxica programada.

A estes números, o conselleiro sumou catro falecementos, que elevan a cifra total de mortes a 769, e apuntou o número de novos positivos rexistrados: 193. "É un dos datos máis baixos da última semana, o que nos permite observar unha situación estábel na Galiza, con certa tendencia á baixa", salientou, para facer fincapé na realidade dispar da área sanitaria de Ourense.

Na última xornada rexistrou 70 casos novos e 39 activos máis até os 1.123, deles, 72 ingresados, nove na UCI. O concello de Ourense conta 45,5% dos positivos activos de toda a área sanitaria, con 511 casos. 

Capacidade asistencial

Malia toda a presión acumulada, o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores, confirmou que a capacidade asistencial da Galiza e, en particular, dos hospitais da área sanitaria de Ourense está garantida, cunha ocupación tanto en planta como nas unidades de críticos por debaixo do pico alcanzado durante a primeira vaga de contaxios.

Neste sentido, asegurou que desde o Sergas teñen presente certa "preocupación" pola situación de Ourense mais da súa contorna, o que levou a activar o plan de continxencia para toda a área sanitaria por se fosen necesarias medidas asistenciais extraordinarias. Unha medida que obriga a avaliar, a diario, tanto a capacidade asistencial dos tres hospitais como a actividade cirúrxica programada.