Covid: O alcalde de Barbadás ameaza con acudir á Xustiza polo confinamento ordenado pola Xunta

Imaxe da praza do Campo, en Barbadás. (Foto: Turismo de Barbadás)
Mentres que o rexedor de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, reclama á cidadanía que atenda ás limitacións que recomenda o comité de expertos, o seu homólogo en Barbadás opina que non se dan as circunstancias para restrinxir a mobilidade da veciñanza.

“Barbadás non é Ourense”. Así de directo amosouse o alcalde do municipio do interior, o socialista Xosé Carlos Valcárcel, ao rexeitar as medidas de confinamento que entrarán en vigor a medianoite desta quinta feira despois da orde da Xunta.

O rexedor entende que o Executivo da Galiza “limita dereitos fundamentais sen un soporte de datos sanitarios” que sosteñan esta decisión. No entanto, foi a recomendación do comité de expertos que asesora á Consellaría de Sanidade na pandemia.

Malia este respaldo profesional detrás, Valcárcel estuda pedir á Xustiza que estude esta prohibición de entrar e saír do municipio, máis alá de casos puntuais e xustificados. Só se permitirá a mobilidade por cuestións sanitarias, laborais e educativas.

As medidas “serán acatadas”, pero avisa: “Non estamos de acordo”. Pensan que Ourense non é comparábel con este concello.

Cos coñecementos dos datos que ten, o rexedor asegura que Barbadás non ten o cociente mínimo de contaxios como para estabelecer “o confinamento da poboación”.

“Non é entendíbel porque hai 40 casos positivos para unha poboación de 11.000 habitantes”, reflexiona. De feito, asegura que a Xunta segue agora o argumento do Ministerio de Sanidade en contra do que votaba hai uns días nunha reunión telemática.

Para o alcalde, o aumento dos casos na localidade está relacionado con que “non se controlou” a cidade e hai mobilidade intensa entre ambos termos municipais por estar preto.

Considerando que a Xunta non apoia ao concello, recrimina que non se confinara “a tempo Ourense” e mesmo que as restricións do consumo na hostalaría (só podían ir pequenos grupos de persoas convivintes) desprazou as quedadas a Barbadás. “Moitos viñeron a este concello”, lamenta.