Outros 200 novos positivos na Galiza

(Foto: Europa Press)

O municipio de Ourense rexistra 511 casos, que supoñen 45,5% de toda a área sanitaria.

Galiza detectou outros 200 casos positivos de Covid-19 nunha xornada na que só aumentaron os casos activos nas áreas sanitarias de Ourense até os 1.123 (39 máis) e Santiago, que se sitúa con 544 (17 máis).

Así se desprende dos datos actualizados esta cuarta feira pola Consellería de Sanidade, que indican que os casos activos descenderon nas áreas sanitarias da Coruña e Cee até os 787 (que supoñen 31 menos que este martes), Pontevedra e O Salnés, que ten 630 (outros 37 menos), Vigo conta con 390 (outros 22 menos), Ferrol sitúase con 108 (outros 10 menos) e Lugo ten 486 (sete menos).

No caso concreto do concello de Ourense, fontes sanitarias apuntaron que rexistra 511 casos, que supoñen o 45,5 por cento de toda a área, que suma 70 casos novos -39 activos máis-.

Até a data curáronse na Galiza 20.591 persoas, o que supón 247 máis que a xornada pasada.

O número de PCR realizadas na Galiza ascende a 523.412 fronte ás 515.983 rexistradas até este martes.

Na Galiza faleceron 769 persoas con este virus, as catro últimas notificadas na tarde desta terza feira. Trátase dun home de 88 anos ingresado na Clínica Santa Teresa de Ourense; dúas mulleres de 87 e 85 anos, ingresadas no Chuac; así como outra muller de 87 anos que estaba ingresada no CHUS. As tres mulleres tiñan patoloxías previas.

No que atinxe ás residencias de persoas maiores hai 388 contaxiadas, a maior parte delas usuarias (266) mentres que 122 son traballadores e traballadoras.

O número de falecidas por coronavirus relacionadas con residfencias é de 332.