Ourense celebra un ano co AVE mentres o resto da Galiza fica á espera: estes son os compromisos aínda pendentes

Viaxe inaugural do AVE a Ourense, hai xusto un ano. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
Os trens Avril, que permitirán reducir os tempos entre as principais cidades, seguen sen data de chegada malia comprometérense para este ano.
  1. Trens Avril
  2. Variante de Cerdedo
  3. Conexión portuguesa
  4. Tren de proximidade
  5. Lugo, sitio distinto

O 20 de decembro de 2021 chegaba a Ourense o primeiro tren AVE, procedente de Madrid, no que se celebrou como todo un fito na historia ferroviaria da Galiza. Chegaba xa unha década tarde, após varios anos de "fuxida cara adiante" presentando prazos irreais a sabendas de que non se poderían cumprir, tal e como afirmara no Congreso o ex ministro José Blanco.

Chegaba á Galiza, tamén, case tres décadas despois da súa posta en funcionamento por medio da liña Madrid-Sevilla, que realizou a primeira viaxe en abril de 1992. E chegaba ese AVE a territorio galego con moitas promesas aínda pendentes de cumprir que tampouco se concretaron ao longo do presente ano.

Trens Avril

O principal compromiso que fica no ar é a entrada dos trens Avril 'de moi alta velocidade S106' na rede ferroviaria do país, o que permitiría alcanzar os 300 quilómetros por hora de velocidade, superando os perto de 250 km/h aos que se restrinxen os actuais Alvia que circulan pola Galiza.

A posta en marcha deste servizo estimárase para 2022, primeiro no verán e logo de cara ao remate do ano. Porén, a pasada semana a secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera, recoñeceu que a chegada dos trens Avril aínda non ten data concreta e é "cuestión de meses".

Esta pronunciada demora é consecuencia do conflito que enfronta o fabricante, Talgo, con Renfe e Adif. Nos últimos meses tanto uns como os outros avogaron por botar balóns fóra. Namentres, proseguen as probas para a súa homologación, e recentemente, o pasado setembro, un Avril alcanzou os 360 km/h nun percorrido nocturno na liña de largo ibérico que une Santiago e Ourense. Os que chegarán ás cidades galegas (S106), porén, serán de largo variábel.

Variante de Cerdedo

Outra das materias pendentes é a execución da variante de Cerdedo para conectar Ourense e Vigo perante a alta velocidade, un proxecto que se comezou a tramitar en 2001. Pardo de Vera afirmou a finais de outubro que os estudos preeliminares desta proposta xa se superaran e que a mesma está comprometida nos Orzamentos Xerais, se ben, máis unha vez, eludiu ofrecer "cronogramas nin datas".

Conexión portuguesa

Tamén está sen concretar a saída sur ferroviaria da Galiza, que permitiría a conexión con Portugal perante a alta velocidade, que segundo Transportes avanza tamén nos trámites e estudos previos e que ten como horizonte o ano 2040, toda vez que o Goberno portugués xa presentou a súa proposta para conectar Lisboa co Porto —e logo prolongar a rede até a Galiza, pasando por Valença— de cara á próxima década.

Unha vez rematadas as obras da alta velocidade galega para chegar a Portugal, a viaxe Vigo-Lisboa duraría menos de 2 horas e 20 minutos, mentres desde A Coruña serían unhas 3 horas e 40 minutos. Aliás, a cidade herculina quedaría a 2 horas e 23 minutos do Porto unha vez concluída a conexión por parte do Estado español, e Vigo a apenas 48 minutos.

Tren de proximidade

A rede ferroviaria de proximidade para conectar as vilas e cidades galegas segue tamén sen data nin compromiso. O Parlamento galego aprobou en novembro, por unanimidade, demandar ao Estado este servizo nas liñas A Coruña-Ferrol, A Coruña-Santiago e Vigo-Pontevedra-Vilagarcía-Santiago para entrar en funcionamento no primeiro semestre de 2023. Mais, polo de agora, tocará agardar.

Lugo, sitio distinto

Caso aparte é o de Lugo, cuxa veciñanza leva meses manifestándose para exixir unha "conexión digna" por tren co resto do país, ao tratarse da cidade galega coas peores conexións, carente dunha rede ferroviaria moderna e que fica fóra dos plans para a alta velocidade.