Óscar Carrete, veciño do Courel e voluntario contra os incendios: “Todos os anos igual, non se aprende dos erros”
O incendio de 2022 no Courel arrasou 11.500 hectáreas. Óscar Carrete foi un dos veciños que daquela se organizou para combater o lume na serra, o que toca volver a facer agora que as chamas ameazan outra vez esta contorna única. “A unidade dos veciños é a que está a salvar moitas aldeas”, afirma.
Óscar Carrete é veciño de Teixeira, no concello de Folgoso do Courel e é un voluntario nos labores de extinción canda outros veciños e veciñas e mesmo brigadistas e bombeiros de libranza ou voluntarios. En 2022 combateu o lume que bateu con forza no Courel, arrasando 11.500 hectáreas agora prepárase ante os incendios que outra vez volven estar ás portas.
“O lume entra por Quiroga e por León”, indica a Nós Diario. “Antonte estivemos colaborando para frear o lume en Vilarubín, no Concello de Oencia”. Estas persoas voluntarias móvense pola serra, “mirando como están os perímetros, vendo por onde pode vir o lume”. Están conectados a través dun grupo de whats app polo que os veciños das aldeas informan das novidades.
Pon en valor o traballo voluntario de veciños e veciñas. “Se non hai voluntarios nas aldeas, estas non se salvan, porque medios non hai”, afirma Carrete. Este veciño indica que “até onte, coma quen di, non houbo medios no Courel para facer fronte ao lume”.
Lamenta que “pouco se aprendeu” dos incendios de 2022. “Non hai unha brigada da Xunta estábel para O Courel”, denuncia. “Moito se fala de que hai que protexer esta marabilla pero, ao final, as administracións non fan nada”.
Neste sentido, indica que hai zonas afectadas polos lumes de 2022 onde pouco a pouco vaise notando unha recuperación. “A natureza fai o seu traballo, rexenera, a que non fai o seu traballo é a administración”, lamenta, “nin autonómica nin estatal”.
Indica que após aqueles lumes devastadores “houbo moitas promesas” mais que non se avanzou en protexer esta zona dos incendios. “Todos os anos igual, non se aprende dos erros”, denuncia Carrete.
Á veciñanza das comarcas de Ourense que estes días sofren os devastadores lumes que O Courel padeceu hai tres anos, Carrete envía “moito ánimo” e ínstaos a “loitar por revivir as aldeas”, aínda que nestes momentos iso lles pareza imposíbel. “Se algo de positivo se saca destes incendios é a unidade dos veciños, a forza que iso dá. O outro día en Vilarubín os veciños da aldea, uns 25, traballaron unidos e foron quen de frear unha fronte de lume moi forte que viña para O Courel”.
